Unha andaina e reparto de bolsas reutilizables centran o programa do 25N en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A camiñada será o domingo 24 pola ruta Penas de Rodas-Miradoiro de Paraños
sendeirismo-andaina
20 Nov 2024

Dentro da campaña de sensibilización que organiza o Concello de Outeiro de Rei con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres están previstas varias actuacións.

A primeira será a realización o domingo 24 de novembro dunha andaina popular pola ruta Penas de Rodas-Miradoiro de Paraños. Esta partirá ás 11:00 h de Penas de Rodas e está aberta á participación de todas as persoas que queiran camiñar conxuntamente para apoiar a loita contra a lacra social que supón a violencia contra as mulleres.

As persoas interesadas poden inscribirse na casa da cultura en horario de mañá ata o venres 22 de novembro, ou no teléfono 982 393 408.

Ao igual que en anos anteriores, vanse repartir gratuitamente bolsas reutilizables conmemorativas desta data. As persoas interesadas poden solicitar a súa nas oficinas municipais do Concello o próximo venres día 22 e ata esgotar existencias. Este material tamén estará dispoñible para a súa recollida na casa da cultura e no centro médico. Nesta distribución colaboran tamén os seguintes establecementos comerciais Supermercado Claudio, Farmacia Fernando Penas y Marta Puente, Panadería Ousá e Farmacia Cortizas.

Igualmente, repartiranse a través de nenos e nenas usuarios da Escola Infantil Municipal e do servizo de Conciliación Familiar.

O obxectivo con este tipo de accións sempre é sensibilizar e concienciar á poboación para evitar a lacra social que supón a violencia de xénero.

Estas accións están financiadas polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e polo propio Concello de Outeiro de Rei.

0.16611194610596