Unha aplicación móbil velará polos traballadores do sector forestal
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe en Lugo nunha xornada organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre prevención de riscos laborais no sector forestal na que presentou as actuacións que está levando a cabo a Xunta neste ámbito. Na xornada tamén participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), José Ignacio Lema Piñeiro.
Así, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, vén de activar a aplicación móbil Alerta ISSGA na que se recollen as principias recomendacións a seguir para acadar neste eido un traballo máis seguro e, polo tanto, de máis calidade e máis competitivo. Trátase dunha APP coa que se pretende chegar de xeito accesible e doado aos traballadores.
Toca, así mesmo, explicou que o ISSGA constituíu un grupo de traballo formado por técnicos do ISSGA, dos servizos de prevención propios das principais empresas madereiras de Galicia e de Confemadera no que se elaboraron dous documentos técnicos con consellos no ámbito da prevención de riscos laborais para os traballos que se desenvolven ante árbores sentadas e ante árbores apoiadas enganchadas. O obxectivo das dúas publicacións é dar solución ás necesidades demandadas polo sector dun xeito didáctico e comprensible.
O Instituto, ademais, elaborou vinilos con información básica das medidas de emerxencia e do protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer) a seguir ante un sinistro no monte coa finalidade de que se coloquen nos vehículos que se utilizan para traballar no monte.
A secretaria xeral de Emprego afirmou que o obxectivo destas actuacións é “buscar unha maior eficacia na loita contra a sinistralidade laboral no sector forestal, un ámbito polo que a Xunta está apostando para incrementar o potencial da súa industria”.
As iniciativas enmárcanse no Plan de actividades 2018 do Instituto, unha folla de ruta que inclúe en global 74 actuacións divididas en 7 eixos e unha oferta formativa, que se imparte en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas este ano.
O Plan, enmarcado na Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, busca mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.
Para rematar, a responsable de Emprego apelou á coordinación e colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores, lembrando que para a Xunta a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade.