Unha chaira de versos
Por Carlos Gegúndez
Non son só dous, hai máis, mais hai dous eixes sobre os que xira a Terra Chá e que definen moi ben o territorio, alén obviamente, da gran planicie que lle dá nome. Un deles ten que ver co medio físico, é a auga dado que a chaira conta con destacados acuíferos. O outro está relacionado coa súa xente, pois de entre ela teñen saído e continúan agromando innumerables mestres da palabra: xornalistas, narradores e narradoras, mais sobre todo, poetas. Sexa ou non coincidencia, toda a súa produción lírica ten un fondo apego a esas terras, as súas voces cantan á paisaxe e orografía, a pequenos recunchos, a vastas leiras, a pequenos outeiros e a cumios máis altos, as lembranzas da nenez. Non hai que esquecer todo a tradición oral ligada a gran penechaira da nosa provincia; as historias das torres vixía que por alí existen, a existencia de antigos poboadores como os Baluros, a lenda da vila que afundiu na lagoa de Cospeito ou a serpe xigante da Cova á que esta lle dá nome. Todos estes mitos, lendas e contos arrolan aos chairegos dende hai centos de anos e espertaron o enxeño de creadores oriúndos destas latitudes.
O turismo de natureza ou paisaxístico é como en todos os destinos da nosa provincia, agás na Mariña onde a tipoloxía de sol e praia ten peso específico, a dominante nesta comarca. Sen esquecer a gastronómica, nomeadamente grazas a produtos de excepcional calidade como o capón de Vilalba ou o queixo de San Simón da Costa, tamén por eventos como a Festa da Filloa de Muimenta, por citarmos algúns dos máis representativos. Como xa dixemos con anterioridade os humedais contan cun protagonismo relevante nesta zona e por iso, dentro do turismo de natureza os recursos que van asociados á auga son o gran atractivo do destino, tampouco obviamos que nesta área nace o principal río galego, con permiso dos meiregos. Aínda lembro como sendo eu rapaz, un vello amigo da familia me aleccionaba nos anos 80, apuntando con fachenda co seu índice a viseira do palco da música nas festas do 15: “Meira, a nai do pai da nosa terra”. Hai moitos máis recantos que pagan a pena como a Fervenza da Xestosa en Muras, o Muíño do Rañego en Vilalba ou os Sete Muíños en Guitiriz, sen deixar de lado as rutas de sendeirismo como a do Azúmara entre Castro de Rei e o Castro de Viladonga. Por certo, este último recurso é un dos máis consolidados do destino, que conta ademais con patrimonio histórico civil como a Torre dos Andrade na capital da comarca ou a de Caldaloba en Cospeito e tamén o hai relixioso como Santa María de Lagostelle e Santo Alberte en Guitiriz ou Santa María en Abadín.
En definitiva, esta comarca lucense será de interese para calquera turista interesado nos recursos naturais e patrimoniais que queira repousar unha fin de semana ou uns cantos días nun destino tranquilo e bastante ben comunicado entre os concellos que o integran, coa capital da provincia e mesmo non moi distante dos aeroportos do norte do país.
Non obstante, aínda quedan vías por explorar, unha deles podería ser perfectamente a do turismo literario, volvendo sobre unha das cuestións sinaladas ao inicio. O potencial poético da chaira é significativo, así a Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, o gran poeta da Terra Chá xa é unha realidade e ofrece interesantes visitas guiadas. Na capital comarcal, o Paseo fluvial e literario do río Madalena xunta nun mesmo escenario os dous eixes apuntados ao comezo: auga e poesía. Hai máis exemplos, como a ruta de Avelino Díaz e o seu vencello co lugar no que o Miño ten o seu berce: “aló na Serra de Meira/ d´Irimia no Pedregal”.
É certo que como destino literario a Terra Chá reúne principalmente a poetas e narradores en lingua galega e que a miúdo se considera este xénero minoritario. Visto así, este condicionante podería ser unha limitación, mais nada máis lonxe da realidade. Para mostra achegamos algúns exemplos: o ciclo Poetas d(i)nversos da Coruña coordenado por Yolanda Castaño trouxo hai pouco ao actor Viggo Mortensen, quen mesmo recitou poemas en galego xuntando a máis de medio milleiro de asistentes nun auditorio da cidade herculina. En Soria, cada ano entre os meses de xullo e agosto celebran Expoesía, unha semana cargada de presentacións, visitas guiadas, recitais e poéticos contando con tres figuras de calado como motores do evento, ningún deles soriano, mais si ligados á localidade numantina, Bécquer, Antonio Machado e Gerardo Diego. Por último, o FIP de Granada é un evento que na última edición congregou a dez mil persoas durante os cinco días que durou, celébrase en abril coincidindo co Día do Libro, o Festival Internacional de Poesía chegará á vixésima edición o ano que ven. Velaquí algúns modelos que puideran ser, nunca mellor dito, inspiradores para enchermos a chaira de versos, daquela poderiamos pensar que, se cadra, non son tan malos os tempos para a lírica.