Unha doce tradición que vale unha festa

TerraChaXa
A Torta de Millo, que se celebra o 2 de xuño, é unha sobremesa distintiva de Guitiriz case centenaria
torta-de-millo-guitiriz
Imaxes da presentación e da torta
26 Maio 2024

Guitiriz é o municipio da auga e a pedra, considerada tamén como vila termal onde as fontes de Pardiñas, Guitiriz e Parga son famosas polas súas augas medicinais. É moita a xente que visita este pobo para desfrutar delas e da contorna natural na que se sitúan, porén Guitiriz non é famoso só por ser vila da auga senón polo seu doce amarelo que conquista estómagos dende hai moitos anos. A torta de millo é un doce típico e moi coñecido desta localidade da Terra Chá que garda a súa tradicional receita como un dos seus máis grandes valores.

A historia en torno á orixe deste biscoito artesanal está asociada a unha lenda, hai quen conta que esta receita nace cando os reis da Sagrada Familia visitan a aldea de Boedo. Atoparon en todos os veciños unha negativa de hospedaxe salvo unha humilde familia que lles abriu as portas da súa casa. Foi a raíña quen solicitou á nai da familia que cociñase unha torta utilizando fariña de millo, pero a muller non estaba moi confiada de que o resultado saíse bo. A raíña, ante a falta de confianza díxolle: “é tan certo que de aí vai saír un biscoito boísimo, como que esta aldea se vai inundar”, e así foi.

Esta non é a única lenda en torno a torta de millo de Guitiriz, hai outra historia, máis coñecida e difundida que conta que unha fría noite de inverno foi a Virxe a que chegou a unha pequena aldea preto de Guitiriz en busca dun lugar onde pasar a noite sendo rexeitada por moitos veciños ata chegar a unha humilde casa onde unha muller viúva, que vivía cos seus fillos, lle abriu as portas do seu fogar. Tamén lle pediu algo para comer pero a pobre muller gastara todo o seus alimentos nos seus fillos, así que a Virxe sinalou as cinzas da lareira, pediulle que as mesturara con auga e as puxese ao lume. As cinzas transformáronse en millo e de ali xurdiu a torta. Á noite seguinte un forte diluvio arrasou a aldea quedando só a pequena casa que acollera a Virxe. Con moitas cousas en común estas dúas lendas contan unha historia sobre a orixe da torta de millo

A base de catro ingredientes ovos, azucre, manteiga e fariña de millo a Panadería David leva realizando este biscoito dende 1925 cando Eduviges Rodríguez, natural de Cabanas, chegou a Guitiriz e fundou a panadería. Os primeiros anos vendía empanadas e pan e as tortas só se realizaban en días sinalados do ano e no verán pero co paso do tempo fíxose un produto tan coñecido que dende o ano 1987 só comercializan este. Continúan a realizar a torta de millo de forma totalmente artesanal e con ingredientes cen por cen naturais, sin ningún conservante nin aditivos dando como resultado un produto totalmente único.

A panadería familiar La Esquina tamén conta con gran tradición na vila e levan xa máis de sesenta anos realizando este postre típico da Terra Chá. Durante todos estes anos elaboraron a súa receita tradicional cun proceso de fabricación totalmente artesanal que garante a calidade de cada unha das pezas que comercializan, cun sabor inconfundible e único.

Pola súa banda a panadería Gómez levan doce anos facendo esta tradicional torta. A cantidade que fan cada día pode variar moito dependendo do momento do ano, no verán e nas datas onde aumenta a xente que visita Guitiriz a demanda increméntase moito, sendo o pico máis alto en agosto. Ademais da tradicional torta, que tamén realizan de maneira artesanal, esta panadería comercializa dende hai tres anos galletas de millo, coa mesma forma da torta, unha nova maneira de degustar e desfrutar dun sabor único.

Así, a torta de Guitiriz é un produto único e especial, de degustación obrigatoria se pasamos pola vila para desfrutar desta peza gastronómica feita de maneira artesanal e que goza de gran tradición. Un momento único para poder probar este produto é o vindeiro domingo 2 de xuño que se celebrará a VII Festa da Torta de Millo de Guitiriz, un evento que contará coa degustación e venda do doce.

Programa do 2 de xuño

O domingo 2 de xuño celebrarase a VII Festa da Torta de Millo de Guitiriz. O evento, que terá lugar no Campo da Feira, contará cunha programación na que destacan, ademais da degustación e venda do doce tradicional do municipio, a música, obradoiros, exposicións, xogos populares e exposicións, venda de polbo, etc.

A programación da sétima edición da Festa da Torta de Millo inclúe, como é habitual, os concertos.

Por suposto, os protagonistas serán os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina.

No apartado musical, están previstos tres grandes concertos, como o de Fillas de Cassandra, coa fusión de música tradicional galego e pop electrónica desde unha perspectiva feminista.

Tamén estará Mondra, considerado como unha das novas estrelas do trad. E completa o cartel Xurxo Fernándes, considerado como unha figura de referencia no panorama da música de raíz de Galicia.

presentacion-torta-de-millo-guitiriz
0.19081592559814