Unha empresa de Outeiro de Rei recibe unha axuda para a súa posta en marcha
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou no último ano 776.000 euros a trece emprendedores lucenses para a posta en marcha doutras tantas novas empresas na provincia, que mobilizan un investimento global de 1,4 millóns de euros. As axudas corresponden aos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende.
Dentro da Terra Chá una única empresa recibiu estas axudas. Trátase de Gustavo Fouce Rodríguez, de Outeiro de Rei, que obtivo unha axuda de 50.000 euros para accións promocionais escénicas, o cen por cento do investimento realizado.
Balseiro explicou que cinco empresas están situadas na comarca de Lugo -tres na capital, unha en Outeiro de Rei e outra en Portomarín-, outras cinco na Mariña -tres en Viveiro e dúas en Burela-, dúas en Monforte de Lemos e unha última en Samos. A axuda da Xunta supón como media o 53% do investimento subvencionado, aínda que oscila segundo diversos criterios e, nalgúns casos, chega practicamente ao 100%.
A maioría dos proxectos acolléronse ao programa Galicia Rural Emprende, para a creación de empresas de actividades non agrícolas en zonas rurais. En Lugo foron 11 beneficiarios que suman 700.000 euros de axuda e un investimento mobilizado de 1.179.100 euros. A axuda consiste nunha prima básica de 20.000 euros que pode incrementarse ata un máximo de 70.000 euros, atendendo a criterios como o investimento realizado; de feito, na provincia alcanzaron a contía máxima sete das once propostas.
As outras dúas achegas corresponden ao programa xeral Galicia Emprende, que xa non require vinculación específica co rural; suman investimentos por valor de 274.300 euros e axudas por 76.300 euros. Resolveuse a primeira convocatoria da orde do 2019 e proximamente resolverase a segunda -para proxectos cun prazo máximo de execución ata o 15 de xuño de 2021-. Estas axudas oscilan entre o 20% e o 30% dos custos subvencionables (en Lugo unha recibe a porcentaxe máxima e outra o 27,5%).
O delegado territorial incidiu en que o emprendemento “é un dos aspectos nos que máis esforzos está a facer a Xunta de Galicia no marco das políticas activas de emprego, porque cremos firmemente na capacidade da sociedade galega de construír o seu propio futuro, e queremos colaborar ofrecendo o impulso financeiro que necesitan as boas ideas”.