Unha ferramenta web permitirá o cálculo estrutural de produtos en madeira

TerraChaXa | AMariñaXa
Unha ferramenta web permitirá o cálculo estrutural de produtos en madeira. Feita a través dun convenio de colaboración da USC e Pemade
1 Nov 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentou a ferramenta Web Trabe deseñada para o cálculo estrutural de produtos en madeira, que se desenvolve no marco do convenio de colaboración da Xunta coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través de Pemade.

Na súa intervención, Lema incidiu na importancia desta nova ferramenta -que aínda está en desenvolvemento- á hora de facilitar a toma de decisións para optar por unha instalación en condicións de calidade e seguridade xa que nesta primeira versión ofrece xa cálculo de forxados e proximamente incorporará o cálculo de cubertas.

O director valorou o convenio con Pemade para a promoción da madeira na construción e a valorización de especies locais e que se está materializando en iniciativas como esta ferramenta ou a Guía de marcado CE, proxectos que facilitan o día a día dos profesionais do sector.

Neste sentido, destacou o esforzo que a Xunta está realizando no eido da industria forestal a través do traballo de Xera e da Axenda de impulso a este sector, como por exemplo a través de axudas para fomentar o uso da madeira na construción ou promovendo proxectos en madeira nos edificios públicos.

Tamén explicou que a madeira será unha das claves nos proxectos cos que Galicia optará aos fondos europeos de reconstrucción, xa que o uso deste material reciclabe e reutilizable permite a redución de emisións de CO2, así como crear espazos saudables e apostar pola bioeconomía, ademais de explorar novos usos que permiten diversificar esta industria e facela máis competitiva.

0.16738295555115