Unha moción pedirá á Xunta unha actuación urxente na Torre de Caldaloba
O BNG demandará no Pleno provincial do vindeiro martes unha “actuación urxente” por parte da Xunta de Galiza na Torre da Caldaloba. A formación nacionalista solicitará, a través dunha moción, o apoio da corporación provincial para reclamar ao Goberno galego que acometa unha “consolidación da estrutura para frear o seu proceso de ruína” e que desenvolva “un plan de rehabilitación e posta en valor do edificio e da súa contorna”.
Na proposta, o BNG lembra que a Torre foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994 e que, malia ter esa consideración, non se vela pola súa conservación. Así, recordan, dende finais dos anos 90 non se levou a cabo ningunha actuación que contribuíse á consolidación ou mantemento do edificio, datado entre os séculos XIII e XIV. Sinalan, ademais, que os traballos de roza sen control que de vez en cando fai o concello, “non axudan á conservación da fortaleza nin dos fosos que a rodean”.
“Entendemos que, como administración competente en materia de patrimonio, a Xunta de Galiza ten a obriga de actuar de xeito inmediato para salvagardar este ben. É preciso artellar estratexias para a súa rehabilitación e conservación, coma se ten feito noutras zonas de Galiza, ou próximas, polas diferentes administracións e non só agardar polas iniciativas da sociedade civil, como aconteceu co Castelo de Doiras”, sinalou a vicepresidenta da Deputación e deputada nacionalista Maite Ferreiro.
Neste senso, sinalou que “a recuperación do edificio ten un enorme interese desde o punto de vista patrimonial e histórico pero ademais cremos que podería xogar un papel central na dinamización social e económica tanto do concello de Cospeito como de toda a comarca da Terra Cha”, concluíu.
Pleno de Cospeito
O BNG tamén levará a demanda dunha rehabilitación integral da Torre ao Pleno municipal de Cospeito o luns 30. A concelleira nacionalista, Yolanda García, defendará unha moción que apela á responsabilidade da Xunta de Galiza, como máxima responsable, e do Concello, ao que reclaman un “compromiso firme” coa conservación deste ben.