Unha moción propón impulsar o polígono industrial de Cospeito con máis promoción e menos trámites

O desenvolvemento do polígono industrial da Feira do Monte volverá centrar parte do debate político en Cospeito. O concelleiro non adscrito Daniel Irimia presentará no próximo pleno ordinario unha moción na que solicita un maior impulso institucional para converter esta infraestrutura nun motor de actividade económica e emprego.
Na iniciativa, titulada 'Polígono ou periplo?', o edil fai un repaso da evolución do proxecto desde a sinatura do convenio inicial en 2005, lembrando os distintos atrasos administrativos, modificacións técnicas e trámites que, ao seu xuízo, retardaron a posta en funcionamento efectiva do parque empresarial. A moción tamén subliña que o proceso implicou a distintas administracións e gobernos de diferente signo político, polo que aposta por centrar os esforzos nas solucións e non no reparto de responsabilidades.
Entre as medidas propostas figura completar as infraestruturas pendentes para garantir a plena operatividade do polígono, como a rede de augas pluviais, o abastecemento de auga e a conexión eléctrica. Ademais, reclama que o Concello dea prioridade á tramitación das bonificacións do ICIO para as empresas que se instalen na zona e que Deputación e Concello desenvolvan unha estratexia conxunta de promoción e captación de investimento.
O texto tamén aposta por elaborar un documento único que reúna toda a información de interese para posibles investidores, incluíndo as parcelas dispoñibles, os prezos, as bonificacións fiscais, as axudas públicas e os trámites necesarios para instalar unha actividade económica. Segundo recolle a moción, unha información máis accesible e unha maior axilidade administrativa poden resultar determinantes para atraer novas empresas ao parque empresarial.
Na exposición de motivos, Irimia lembra que o polígono conta con 24 parcelas industriais e que, tras a redución do 30 % no seu prezo e as primeiras vendas formalizadas, aínda existe solo dispoñible, polo que considera necesario intensificar a súa difusión para favorecer novas implantacións empresariais.
Ademais desta moción, o concelleiro non adscrito rexistrou varias preguntas para o pleno relacionadas coa xestión municipal. Entre elas, solicita información sobre a situación da Escola Infantil Municipal (EIM) de Muimenta, o estado das concentracións parcelarias no municipio e diversos aspectos da execución das contas municipais, cuestións sobre as que pide explicacións ao equipo de goberno.