Unha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos chega ás Pontes a finais de mes

TerraChaXa | FerrolXa
A cita celebrarase os días 31 de outubro e 1 de novembro cun programa que combina saídas micolóxicas, exposicións, obradoiros de cociña, mercados, concertos e degustacións gastronómicas
setas-cogomelos-recurso
20 Oct 2026

As Pontes prepárase para celebrar a XXXVI Feira de Fungos e Cogomelos os días 31 de outubro e 1 de novembro, unha cita que volverá poñer en valor a riqueza micolóxica do territorio e a súa vinculación coa gastronomía, a cultura e os produtos de outono.

O programa ofrece propostas para todos os públicos, desde actividades de divulgación e identificación de especies ata obradoiros de cociña impartidos por profesionais premiados, exposicións, música en directo e unha degustación dun menú elaborado con cogomelos. A programación completarase coa mostra de artesanía e produtos de outono, o Mercado de Oportunidades MOVA e a Ruta de Sabores polos establecementos hostaleiros participantes.

A xornada do sábado comezará ás 9.00 horas cunha saída micolóxica familiar ao Couto Micolóxico do Monte Forgoselo, destinada á preparación das cestas da feira e á identificación de cogomelos. A actividade estará guiada por Raquel Poncini e Pablo Cuadrado, da Asociación Micolóxica Coruñesa. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 604 047 337 ou no correo terradecogomelos@gmail.com.

Durante a mañá, de 10.00 a 14.30 horas, abrirán a mostra de artesanía e produtos de outono, na rúa Ramón Cabanillas, e o Mercado de Oportunidades MOVA, na avenida da Coruña. A música percorrerá as rúas ás 12.30 horas co pasacalle do grupo No Cómbaro.

Pola tarde retomaranse ambas as propostas comerciais e, desde as 17.00 horas, a praza de América acollerá a montaxe da exposición micolóxica e o asesoramento ás persoas participantes no concurso de cestas. A Asociación Micolóxica A Poupariña encargarase da orientación, presentación e identificación das especies.

A programación gastronómica incluirá dous obradoiros de cociña na praza de América. Ás 17.00 horas celebrarase o destinado ao público infantil, impartido por Rafael Rivas, gañador do primeiro premio ao Mellor Cociñeiro de Cogomelos de Galicia 2025 na categoría de doces. Ás 19.00 horas será a quenda do público adulto, cun obradoiro a cargo de Fabián Rondón, gañador do primeiro premio na categoría de salgados. Para ambas as actividades cómpre inscribirse no teléfono 604 047 337 ou no correo terradecogomelos@gmail.com.

O pasacalle do grupo Canavella, ás 17.30 horas, e a proposta Cantos aos cogomelos, con cantos de taberna entre as 20.00 e as 22.30 horas, completarán a xornada.

O domingo comezará ás 9.00 horas coa presentación a concurso das cestas de fungos na praza de América, que tamén será o espazo central da exposición micolóxica da Asociación A Poupariña.

A partir das 10.30 horas abrirán a mostra de artesanía e produtos de outono, na rúa Ramón Cabanillas, e o Mercado de Oportunidades MOVA, na avenida da Coruña, que tamén contará con actividade pola tarde e sorteos presenciais de premios para a clientela ás 16.30 horas.

Ás 12.00 horas está prevista a entrega dos premios dos concursos de cestas de fungos e fotografía micolóxica, así como do certame escolar O Mundo da Micoloxía e o sorteo dunha cesta micolóxica. O acto terá lugar na praza de América.

A gastronomía será outra das grandes protagonistas da xornada coa degustación do menú micolóxico, de 13.00 a 15.30 horas, no patio do colexio Santa María. A proposta incluirá empanada de cogomelos e mexillóns, albóndegas de porco Duroc con castañas e cogomelos e callos con garavanzos e cogomelos. De sobremesa ofreceranse requeixo do Eume con mel de Goente, ademais de pan artesanal, viños brancos e tintos, auga, cervexa e refrescos. O menú tamén estará dispoñible para levar.

A música chegará ás 13.30 horas co concerto de Dillei Chiña, na rúa Ramón Cabanillas. En caso de mal tempo, a actuación trasladarase á carpa situada no patio do colexio Santa María.

Como peche da programación do domingo, ás 18.00 horas, o auditorio municipal Cine Alovi acollerá o monólogo de David Perdomo, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) da Agadic. As entradas están dispoñibles en https://aspontes.sacatuentrada.es/.

A programación estenderase tamén ao venres 30 e ao sábado 31 de outubro, así como ao domingo 1 de novembro, coa exposición de fotografía micolóxica na praza de América.

Mentres que a Casa Dopeso acollerá a exposición dos traballos realizados polo alumnado participante no certame O Mundo da Micoloxía que se poderá visitar toda a fin de semana de de 17.00 a 20.00 horas.

Ademais, a Ruta de Sabores permitirá descubrir propostas gastronómicas elaboradas con cogomelos nos establecementos hostaleiros locais, ampliando a experiencia da feira máis alá dos espazos centrais da programación.

Con esta nova edición, a Feira de Fungos e Cogomelos propón unha fin de semana para achegarse ao mundo da micoloxía, descubrir os produtos propios do outono e gozar da gastronomía e da cultura nun ambiente pensado para todos os públicos.

0.15621304512024