Unha nova liña de autobuses conectará a primeira hora da mañá Guitiriz, Begonte e Rábade coa cidade de Lugo
Os veciños e veciñas dos concellos de Guitiriz, Begonte e Rábade disporán dunha nova liña de transporte público por autobús que unirá estas localidades coa cidade de Lugo, todos os días laborais, a primeira hora da mañá.
A nova expedición terá saída en Guitiriz ás 7.30 horas con chegada á estación de autobuses de Lugo ás 8.30 horas.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que este horario está especialmente pensado para estudantes e aqueles traballadores que teñen que estar a primeira hora da mañá na capital da provincia para incorporarse as súas clases ou traballos.
Ao longo do percorrido a nova expedición ten previsto paradas no centro urbano de Guitiriz e no núcleo de Cabra neste mesmo municipio; tamén están previstas paradas en Baamonde e no centro urbano de Begonte; outra parada máis en Rábade e finalizará na capital da provincia.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda reforza o servizo de transporte público por estrada dentro do seu compromiso de promover as modificacións puntuais precisas para unha mellor conexión destas localidades e, en particular, das poboacións do rural.
Cómpre sinalar que falamos de reforzo porque na actualidade o plan de transporte público xa contemplaba varias expedicións con paradas nestes mesmos municipios pero con chegada a Lugo máis avanzada a mañá.
Balseiro lembrou tamén que coa creación desta nova liña a primeira hora da mañá a Xunta faise eco dunha demanda liderada polo Concello de Begonte –á que se sumaron o resto dos municipios- e que a Xunta de Galicia acolle como positiva.