Unha novela ambientada en Friol esgota todos os exemplares en apenas 20 minutos na Feira do Libro da Coruña

LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa
'O verán que volveu Sherezade', de Jordi Cicely, volve espertar un grande interese entre o público lector e podería contar cunha nova sesión de sinaturas tras superar todas as previsións
A CORUÑA jordi cicely
7 Aug 2026

A segunda novela do escritor Jordi Cicely, O verán que volveu Sherezade, continúa colleitando un notable éxito entre o público lector. A obra, ambientada no municipio lucense de Friol, esgotou todos os exemplares dispoñibles en apenas 20 minutos durante a sesión de sinaturas celebrada o pasado martes na caseta da Libraría Arenas, na Feira do Libro da Coruña.

Non era a primeira vez que acontecía. Durante a xornada de sinaturas do domingo xa se venderan todos os exemplares previstos, aínda que a resposta do público o martes superou todas as expectativas. A venda e sinatura de libros desenvolveuse a un ritmo constante ata acadar o sold out en apenas vinte minutos.

Ante a elevada demanda, a Libraría Arenas está a intentar atopar un novo oco na programación da Feira do Libro para organizar unha nova sesión de sinaturas de O verán que volveu Sherezade, xa que o interese do público superou amplamente a dispoñibilidade de exemplares.

Un dos aspectos que máis chama a atención dos lectores coruñeses é a ambientación da novela en Friol. Aínda que a obra comezou a gañar notoriedade por abordar o Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC), moitas das persoas asistentes destacan con sorpresa que o municipio lucense sexa o escenario principal da historia, un elemento que contribúe a dar visibilidade ao territorio e a consolidalo como un espazo con identidade propia dentro da narrativa contemporánea.

O éxito acadado na Feira do Libro da Coruña confirma a boa acollida que está a ter a segunda novela de Jordi Cicely, que continúa sumando lectores grazas á combinación dunha temática de gran impacto social e dunha historia profundamente vencellada a Galicia e, en particular, a Friol.

0.11831593513489