Unha sentenza dá a razón ao Vilalba FS, ao que lle devolven os puntos e evita así o descenso

TerraChaXa
Foi multado por non acudir a un encontro durante a borrasca Ingrid polo risco que había de seguridade no desprazamento
vilalba-fs-b-senior
16 Jul 2026

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) estimou o recurso interposto polo Grupo Forma-t Vilalba F.S. e anulou a sanción que lle impuxera a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) por non disputar o encontro correspondente á xornada 18 de Segunda División B fronte ao Piensos Durán Albense F.S.

A ausencia do equipo vilalbés estivo motivada polas graves dificultades para realizar o desprazamento como consecuencia da borrasca Ingrid. "O noso clube solicitou o aprazamento con antelación e mantivo comunicación coa Federación e coa empresa encargada do transporte, alegando que a viaxe non podía realizarse coas debidas garantías de seguridade", explican.

Pese a todo, o xuíz disciplinario único de Fútbol Sala da RFEF considerou que o equipo fixera unha incomparecencia inxustificada e sancionou ao Grupo Forma-t Vilalba F.S. coa derrota por 6-0, a dedución de tres puntos na clasificación e unha multa de 300 euros. Posteriormente, o Comité Nacional de Apelación confirmou integramente dita resolución.

Porén, agora o TAD revocou ambas as decisións ao concluír que non quedou acreditado que o club actuara con dolo ou con notoria neglixencia, requisitos indispensables para sancionar unha incomparecencia conforme ao Código Disciplinario da RFEF. O Tribunal considera que o Grupo Forma-t Vilalba F.S. actuou con dilixencia, solicitou o aprazamento, informou en todo momento á RFEF e adoptou a súa decisión atendendo á información dispoñible nese momento, "sen que poida xulgarse a nosa conduta en base a feitos coñecidos posteriormente", alegan.

A resolución tamén reprocha á RFEF que mantivera pendente de decisión a solicitude de aprazamento ata poucas horas antes do inicio do partido, cando a marxe de tempo facía inviable a organización do desprazamento en condicións normais.

Como consecuencia, o TAD estimou integramente o recurso, deixando sen efecto a sanción e devolveu o expediente á RFEF para que adopte as medidas oportunas respecto á puntuación, clasificación e á organización da competición.

Desde a directiva queren agradecer a todas as persoas que apoiaron a decisión tomada polo club "de preservar a seguridade das persoas por enriba de calquera resultado deportivo". Tamén queren destacar e agradecer o labor fundamental neste proceso de Jacobo González López, avogado de Méndez & Murado, experto en Dereito Deportivo e clave na exposición de motivos do recurso presentado para que o TAD resolvera favorablemente.

0.12035894393921