Unha vintena de profesionais formaranse en museos como o do Castro de Viladonga
Unha vintena de profesionais formaranse a partir de xuño nos museos de xestión autonómica de Galicia ao abeiro da convocatoria publicada pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia publica a listaxe de beneficiarios desta medida, que conta cun orzamento de 114.000 euros. A formación realizarase durante seis meses prorrogables por outro período igual.
Trátase de persoas tituladas en Historia de Arte e en Arqueoloxía, así como en conservación e restauración de bens culturais nas especialidades de Arqueoloxía e Pintura ou Escultura. As actividades formativas que van desenvolver inclúen traballos de documentación, con prácticas de rexistro, inventario e catalogación das pezas, e de difusión, con preparación de exposicións e material divulgativo, busca de información e preparación e realización de visitas guiadas, participación e colaboración en obradoiros e outras accións.
Tamén poderán formarse en actividades relacionadas coa didáctica, preparación e elaboración de fichas, e atención a usuarios. O obxectivo é proporcionarlles unha formación teórico-práctica que contribúa a completar o currículo académico. O importe bruto que percibirá mensualmente cada beneficiario ascende a 950 euros.
MUSEOS ONDE SE REALIZARÁ A FORMACIÓN
Os museos nos que se realizará a formación son Museo do Castro de Viladonga, no Concello lucense de Castro de Rei; Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo Massó, no Concello pontevedrés de Bueu; Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo do Viño de Galicia, situado nese mesmo Concello ourensán; Museo de Belas Artes da Coruña, e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), tamén en Compostela. Ademais, tamén no Museo da Catedral de Santiago.
O programa de bolsas de formación en materia de museos ofertado para 2022 supón un incremento de máis do dobre con respecto ao ano anterior, tanto no número de prazas, que pasa de oito a 20, como no orzamento, que sube de 45.520 a 114.000 euros.