Unha xornada de difusión amosará o proceso de restauración da igrexa dos Vilares
A igrexa de San Vicenzo dos Vilares, no concello lucense de Guitiriz, acollerá este venres día 16 unha xornada de difusión dos traballos que se están levando a cabo nas pinturas murais a través dunha achega de case 70.000€ por parte da Xunta de Galicia.
A cita terá lugar a partir das 16,00 horas e contará coa participación dos profesionais da empresa CREA Restauración, responsable de obra impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Así, a xornada dará a coñecer entre a veciñanza a actuación feita nestes frescos como parte do compromiso da adxudicataria da obra incluído no contrato público.
O proxecto que está previsto rematar nas vindeiras semanas céntrase en garantir a conservación dos murais do segundo terzo do século XVI mediante a limpeza da superficie para devolverlle ao conxunto a uniformidade perdida. Para iso as tarefas que se están levando a cabo inclúen controis biolóxicos, protección de policromías, eliminación de morteiros e a consolidación dos estratos murais.
A actuación inclúe tamén a eliminación de cales e a restauración da policromía mediante traballos de fixación, limpeza e reintegración. Por último instalarase unha nova iluminación ornamental que responde ás necesidades deste conxunto.