Unha xornada en Momán promove o diálogo e desmonta bulos sobre migración entre persoas maiores

Arredor de corenta persoas maiores procedentes do Consello de Maiores de Xestoso (Monfero) e do Consello de Maiores de Momán participaron nun encontro informativo organizado por ECOS DO SUR co obxectivo de analizar a desinformación arredor da migración. A cita, celebrada no comedor do restaurante Tino de Momán, contou tamén coa presenza do alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e do párroco e titor Luis Ángel Rodríguez Patiño, que quixeron amosar o seu respaldo a este tipo de iniciativas de carácter social.
Durante dúas horas de actividade, desenvolveuse un espazo aberto ao diálogo, centrado en escoitar, compartir impresións e contrastar información, afastándose de posturas impositivas. Nun ambiente participativo e respectuoso, púxose o acento na necesidade de abordar este tema con datos rigorosos e empatía, fronte a opinións baseadas en rumores ou informacións non verificadas.
A sesión partiu de mensaxes habituais que circulan en ámbitos cotiáns, como conversas informais ou grupos de mensaxería, para analizalas desde unha perspectiva crítica. Expresións como “quítannos o traballo” ou “reciben máis axudas” foron sometidas a contraste, evidenciando que moitas destas ideas non se sosteñen cando se revisan con datos e contexto.
Un dos eixes centrais foi a explicación de como funciona a desinformación, especialmente no ámbito migratorio, onde proliferan contidos falsos ou manipulados que buscan xerar medo e división social. Neste sentido, destacouse que nos últimos anos se teñen detectado centos de bulos en España relacionados con esta temática, cun incremento notable recente.
Ao longo da xornada desmontáronse algunhas das crenzas máis estendidas, como a suposta preferencia das persoas migrantes no acceso a axudas ou o impacto negativo na sanidade ou na seguridade, incidindo en que se trata de afirmacións sen base real ou xeneralizacións inxustificadas.
Tamén se abordou o funcionamento destes discursos, que adoitan apelar ás emocións e reforzar prexuízos mediante mensaxes simples e repetitivas. Fronte a isto, ofrecéronse ferramentas prácticas para identificar contidos enganadores, como comprobar a orixe da información, desconfiar de mensaxes alarmistas ou evitar compartir información sen verificar.
A actividade concluíu cunha reflexión colectiva sobre a responsabilidade individual na difusión de contidos e a importancia de fomentar unha convivencia baseada no respecto e no coñecemento. Os participantes coincidiron en que informarse ben é clave para construír unha sociedade máis xusta e cohesionada, na que a migración se entenda desde unha perspectiva humana e próxima.