Unhas 5.000 persoas manifestáronse nas Pontes pedindo unha solución para a enerxética
Unhas 5.000 persoas participaron onte, xoves, nas Pontes na manifestación convocada en defensa da actividade da fábrica e para esixir unha solución. Nesta concentración participaron traballadores da planta, auxiliares, transportistas e veciños da comarca do Eume.
A protesta marchou por rúas como Ortigueira e Galicia ata chegar á Praza do Carme, mentres se escoitan chifres, bucinas e consignas dos asistentes. Alí, o alcalde, Valentín González Formoso, leu un manifesto consensuado con todas as partes co título En defensa dunha transición xusta.
Na marcha víronse moitos chalecos amarelos pancartas como Por unha transición xusta. Na defensa do emprego nas Pontes e comarca e Non ao paro da actividade na central térmica de Endesa nas Pontes.
Nesta convocatoria déronse cita máis dunha quince de alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume, A Mariña e Terra Chá, ademais de representantes políticos de diversas formacións a nivel autonómico e provincial. Todo iso, nunha xornada na que a totalidade dos traballadores das auxiliares -son 250 de 15 compañías- secundaron un paro de 24 horas, convocado polas tres centrais sindicais con representación neste centro de traballo, CCOO, UGT e CIG.
O Manifesto que leu o alcalde das Pontes resumiu un sentir popular. Este foi o contido:
No proceso iniciado por Europa para a prevención e control da contaminación, o vintecatro de novembro de 2010, publicase no Diario Oficial da Unión Europea a Directiva 2010/75/UE sobre as emisións industriais, na que se estabelecen as normas sobre as que deben asentarse todas as industrias en aras de evitar ou reducir as emisións e garantir a protección do medio ambiente.
Nesa liña, e baixo a decisión de que a actividade da central termica asentada na vila de As Pontes, se mantivese máis aló do ano 2020, en marzo de 2018, ENEL comunica oficialmente a intención de adaptar a UPT de As Pontes á meritada DEI, garantindo así con unha inversión de 220M€, a continuidade dun complexo que leva máis de 40 anos sendo un dos motores económicos máis importantes de Galicia, mantendo centos de postos de traballo directos e indirectos e actuando como un dos piares fundamentais do progreso socioeconómico da contorna.
O prezo dos dereitos de emisión de CO2 en Europa son regulados nun mercado de negociación que nace do primeiro réxime de comercialización de dereitos de emisións do mundo, posto en marcha pola Comisión Europea no ano 2005. Un mercado aberto que permite e facilita a especulación, o que supuxo que durante o derradeiro ano, o valor da tonelada de CO2 se triplicase anulando así a competitividade das centrais térmicas nacionais e deixandoas fora do pool eléctrico peninsular.
Esta situación revirte as espectativas xeradas pola inversión que se está a realizar nas UPT adaptadas a DEI, que as ia permitir operar ata o ano 2045, creando unha situación de incerteza sobre a viabilidade e o futuro destas instalacións a curto e medio prazo.
As distintas Administracións Públicas fomos quen de apoiar a ENEL para que acometese unha gran inversión que garantise o mantemento do emprego na comarca, apoiadas non só polo tecido empresarial da comarca senón tamén por todas as organizacións sociais e sindicais.
Agora, cun mercado puramente especulativo no que se penaliza á Central Térmica das Pontes, o traballo de centos de familias das Pontes e de concellos veciños como Cariño, A Capela, Xermade, Vilalba, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Fene, Neda, Guitiriz, Ferrol, Viveiro, As Somozas, entre outros, vense abocados a desaparecer. Neste indesexable escenario, perderemos non só o traballo, senón tamén ingresos públicos que repercutirían directamente na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, con menos obras públicas, nos nosos xoves, con menos oferta educativa, deportiva, social e cultural, nos nosos dependentes, con menos servizos públicos de asistencia, etc.
A estas alturas, todos e todas somos conscientes da importancia socioeconómica que ten a Central Térmica das Pontes no noso día a día no municipio, nas comarcas e en Galicia como instrumento favorecedor do desenvolvemento económico e industrial do territorio a través das súas achegas en concepto de compras, salarios e impostos. Tal e así que o peche da central suporía a perda de varios millóns de euros como os que Endesa ingresa na Xunta de Galicia ou as taxas portuarias no porto de Ferrol.
No Concello das Pontes Endesa achega en concepto de impostos por esta central térmica máis de tres millóns e medio de euros que supoñen case o 30 % do orzamento municipal, polo que a sua perda obrigaría a pechar ou diminuír servizos de prestación obrigatoria para os cidadáns relacionados coa asistenza social, recollida de lixo, limpeza viaria, etc, perda de emprego tanto na institución municipal coma na vila.
Por outra parte a perda de emprego sería enorme nas compañías auxiliares porque afectaría directamente a máis de 250 persoas e aos camioneiros que suman 150.
A falta de ingresos e consecuentemente de gastos deste colectivo abocaría ao peche de moito comercio e empresas nas comarcas que se vería afectado directa e indirectamente: transporte e almacenamento, comercio, hostalaría, sector industrial e manufactureiro...e un longo etcétera.
Esta comarca xa sufriu as consecuencias do peche da mina de lignito que chegou a manter máis de dous mil cincocentos empregos entre Endesa e as compañías auxiliares. Consecuencias que se viron atenuadas polos acordos impulsados dende a area sindical para a posta en marcha dun ere mineiro, polos fondos recibidos para reindustrialización e pola sinatura no ano 1997 do Plan de Desenvolvemento Económico e Industrial de As Pontes que permitiu implantar 50 empresas e algo máis de 1.200 empregos na comarca.
Despois deste acordo Endesa fixo un esforzo inversor na comarca de máis de 600 millóns de euros coa transformación da central para queimar carbón de importación e esforzo que volve a facer neste momento co investimento de máis de 200 millóns de euros para adaptarse as novas directivas comunitarias para previr a contaminación.
Non e xusto, polo tanto perder estes investimentos e condenar a este concello e a estas comarcas ao deserto industrial e poboacional.
Por este motivo, e máis que nunca, é necesario que Endesa se comprometa e que dende as Administracións Públicas se artellen os mecanismos necesarios que garantan a continuidade da explotación da central térmica nun periodo temporal que permita unha transición enerxética xusta. Transición que logre buscar as alternativas e instrumentos viables e necesarios para o desenvolvemento económico e industrial da nosa comarca.
As accións que estamos levando a cabo é cousa de todos e todas, e debemos implicarnos ata o final. Por elo, queremos darvos as grazas a todos e todas pola vosa aportación, polo voso apoio e por axudarnos a facernos oír ante as Administracións superiores. As nosas voces teñen que ser escoitadas na Xunta, en Madrid e en Europa e ser coñecedores de que non deixaremos de requirir o artellamento de medidas para que a transición sexa paulatina e xusta. Non poden condenarnos á morte económica e social. Seguiremos traballando e loitando.