Unhas 600 persoas participan nas actividades do Centro Sociocomunitario que a Xunta ten en Vilalba

Un total de 630 persoas participaron nas actividades ofrecidas no primeiro semestre do ano no Centro Sociocomunitario da Xunta en Vilalba. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións e destacou que xogan un importante papel de dinamización social e cultural, acollendo tanto programación propia como en colaboración co tecido asociativo e entidades da contorna.
Neste período impartíronse máis dunha trintena de actividades formativas, como cursos de informática, de estimulación cognitiva ou de ximnasia, e tamén se desenvolven ao longo do ano obradoiros sobre distintas materias e xornadas de lecer. Ademais, a Xunta oferta os servizos de podoloxía e fisioterapia, que foron utilizados por case 500 usuarios.
Entre as entidades colaboradoras na organización destas accións figuran a Asociación de Persoas con Discapacidade Benjamín Paz (AMBEPA), a Asociación de Mulleres Amizade, La Caixa, Cogami, a Asociación de Voluntarios de Informática de Galicia, Escola de Cidadáns e a coral Luar.
A rede de centros sociocomunitarios da Consellería de Política Social e Igualdade pretende principalmente favorecer o envellecemento activo e o benestar das persoas maiores, pero tamén ser lugares para a convivencia interxeracional. Na provincia están situados, ademais de en Vilalba, en Lugo, Mondoñedo e Ribadeo.