Uns 120 internos participan nos talleres produtivos das cárceres de Bonxe e Monterroso

TerraChaXa | LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo puxo en valor os talleres produtivos de Institucións Penitenciarias nos centros de Bonxe e Monterroso.
visita talleres ocupacionais centros penitenciarios carceres
19 Out 2022

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor os talleres produtivos que desenvolve Institucións Penitenciarias nos centros de Bonxe e Monterroso e que teñen como principais obxectivos educar, formar e reinsertar ás persoas internas para a súa plena inclusión na sociedade.

Isabel Rodríguez informou este martes, durante unha visita ao centro de Bonxe,  que actualmente lévanse a cabo unha vintena de talleres produtivos nos centros penitenciarios da provincia, nos que traballan máis de 120 persoas internas. A subdelegada comprobou as tarefas que realizan nestes obradoiros, destacando o gran interese que mostran os internos nos postos de traballo, e enxalzou a experiencia dos dous centros nestas programacións, “sendo un referente nacional e internacional, clave para que as persoas reclusas regresen á sociedade en mellores condicións que cando entraron en prisión”.

A subdelegada explicou que nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso realízanse, a día de hoxe, talleres produtivos enfocados a dar servizo a empresas de toda España. Concretamente, son obradoiros de madeira, carpintería metálica, montaxe e manipulados e produción de contedores para vivendas prefabricadas. Ademais, están as persoas que traballan en actividades auxiliares para os centros penitenciarios, tamén xestionadas como talleres produtivos, como son o reparto do comedor, economato, limpeza, cociña, lavandería, mantemento e reparacións, xardinería, panadería, pintura ou auxiliar de enfermaría, entre outros. Todos estes talleres contan cunha retribución para as persoas traballadoras e están dadas de alta na seguridade social.

 Durante o encontro, Isabel Rodríguez aproveitou para agradecer o desempeño e esforzo dos funcionarios de prisións en adaptar a intervención nas prisións aos perfís que reclama o mercado laboral, así como aos profesionais que imparten a formación e ás empresas e colectivos que confían no traballo das persoas internas.

 “O resultado destes talleres en Bonxe e Monterroso é moi satisfactorio e o compromiso do Goberno é continuar con este tipo de programacións que potencian a reeducación da poboación penitenciaria, ofrecéndolle un oficio e un traballo digno, pois é o medio para acadar a integración destas persoas na sociedade”, engadiu a subdelegada, que estivo acompañada polo director do C.P. de Bonxe, José Manuel Pernás.

 Deste xeito, Isabel Rodríguez salientou o bo traballo levado a cabo dende o Goberno, a través do Ministerio do Interior, conseguindo que o 80% dos presos que cumpren condena non volvan a entrar nas cárceres por novos delitos. “Unha mostra de que esta é a liña na que temos que seguir traballando e colaborando entre todos: institucións, colectivos e cidadanía”, rematou.

 Talleres ocupacionais

Neste eido, a subdelegada sinalou que ao tempo que se levan a cabo os obradoiros produtivos están en funcionamento talleres ocupacionais nos que se imparten cerámica, informática ou animación á lectura, entre outras materias, ás persoas internas que estean interesadas.

0.15364909172058