Urxen medidas para poñer en valor a Torre de Caldaloba
O BNG reclamará á Xunta de Galiza un plan de conservación e posta en valor da Torre de Caldaloba de Cospeito. A formación nacionalista levará iniciativas ao Parlamento. ao Concello de Cospeito e á Deputación de Lugo para urxir ao goberno galego a adoptar as medidas necesarias para recuperar a fortaleza, símbolo da resistencia da nobreza galega fronte aos Reis Católicos.
A parlamentaria Olalla Rodil adiantou que o BNG presentará no Parlamento galego “unha iniciativa para reclamar que o goberno galego, como máximo responsable na conservación do patrimonio, se implique de maneira decida na preservación deste ben patrimonial de enorme valor para o conxunto de galegas e galegos”.
“É inadmisible que un ben patrimonial de valor incalculable como a Torre de Caldaloba estea na situación de abandono absoluto na que se atopa desde hai moitos anos, mais tendo en conta a súa condición de Ben de Interese Cultural ”, sinalou a parlamentaria nacionalista.
“Desde o BNG, cremos que conservar este vestixio da nosa historia tan importante desde o punto de vista histórico e simbólico ten que xogar un papel central no desenvolvemento económico, cultural e turístico dos concellos da Terra Cha e especialmente do concello de Cospeito”, incidiu tras a visita a torre, acompañada pola deputada provincial e vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, pola concelleira Iolanda García e militantes do BNG de Cospeito.
MOCIÓNS
Ás iniciativas parlamentarias, sumaranse mocións nos plenos da Deputación de Lugo e do Concello de Cospeito. Neste sentido, a vicepresidenta da entidade provincial e deputada Maite Ferreiro incidiu na responsabilidade da Xunta de Galiza na protección da torre ao tempo que ofreceu “a colaboración da institución desde a experiencia coa Rede Museística”. Maite Ferreiro incidiu “no papel dinamizador que a recuperación do edificio e a súa posta en valor tería na comarca, tendo en conta a súa proximidade a outros lugares de interese histórico e simbólico”.
A edil nacionalista en Cospeito, Iolanda García, tamén adiantou que presentará no pleno municipal unha moción para reclamar ao Concello “un compromiso claro” coa conservación da torre. “Levamos anos con evasivas por parte do goberno municipal. Non vemos vontade real de actuar para recuperar este ben patrimonial, que segue a deteriorarse sen que se propoña ningún tipo de medida. O goberno municipal debería tomar a iniciativa e artellar mecanismos para recuperar e divulgar a historia da torre, buscando a colaboración doutras administracións competentes neste eido”, expuxo.
BEN DE INTERESE CULTURAL
A Torre de Caldaloba foi parte dunha fortaleza pertencente á familia Pardo de Cela, datada entre o século XIII e o XIV. Considérase un dos últimos focos de resistencia da nobreza galega fronte á política colonial e centralista de Castela na época dos Reis Católicos.
A edificación, en mans privadas, foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994. A finais do século pasado, a Xunta de Galiza realizou unha intervención parcial para asegurar a porta e as ventás cunha estrutura de madeira xa deteriorada.