Valentín González Formoso reivindica en Vilalba que “non hai que ter medo ás Primarias”

TerraChaXa
Valentín González Formoso desprazouse a Vilalba para manter encontros coa militancia destes municipios para falar das primarias.
primeiras valentin gonzalez formoso vilalba
14 Out 2021

Afirma que as Primarias, son unha ferramenta democrática que dá voz á militancia”. O candidato, que xa presentou o número máximo de avais, incidiu no seu compromiso de facer unha campaña “en positivo, baseada en ideas e propostas, sen confrontacións persoais”.

Valentín González Formoso desprazouse esta tarde cara Cerceda, Betanzos e Vilalba para manter encontros coa militancia destes municipios, nos que reivindicou que “non hai que ter medo ás Primarias, son unha ferramenta democrática que dá voz á militancia para que decida o futuro do partido fronte aos dedazos doutras agrupacións políticas” e incidiu en que fará unha campaña “en positivo, “baseada en ideas e propostas, sen entrar en confrontacións persoais que carecen de sentido porque todos somos compañeiros, todas e todos somos socialistas e queremos o mellor para o futuro do socialismo en Galicia”.

Formoso aposta por un modelo de PSdeG “forte e unido, que estea ao carón da xente e, como xa fixo noutros tempos, volva a ter criterio sobre asuntos de país e non se limite a sinalar problemas senón tamén a aportar solucións. É dicir, que faga un socialismo útil para a sociedade porque esa é a nosa forma de ser e a nosa forma de gobernar”, afirmou.

Ademais, incidiu no seu primeiro compromiso como candidato para que o proceso de Primarias de que “en ningún momento haberá unhas Primarias á medida do Secretario Xeral e existirá sempre o tempo suficiente para facilitar a participación da militancia e para que calquera compañeira ou compañeiro que decida non resignarse e presentarse poida facelo”.

“Estas Primarias son posibles porque a dirección federal do PSOE foi quen de denegar á dirección galega do PSdeG en funcións a celebración deste proceso o 26 de setembro ”, denuncia González Formoso, que cree que “ían a ser unhas primarias a medida, que ían a impedir a posibilidade de participar a outro compañeiro ou compañeira, a presentar o seu proxecto”.

Entrega do máximo de avais permitidos

Valentín González Formoso rexistrou onte en Santiago de Compostela, na sede do PSdeG-PSOE da rúa do Pino, os avais da súa candidatura á Secretaría Xeral do partido. Presentou o máximo de avais permitido polos órganos do partido para o proceso de Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que suman un total de 408, o que supón o 4% do censo de militantes socialistas en Galicia. Aínda así, o número de avais recollidos polo candidato supera amplamente esa cifra. “Isto permítenos detectar que hai un importante caudal de simpatía, apoio e confianza depositado na nosa candidatura, o que tamén estamos vendo nos encontros coa militancia en todos e cada un dos recunchos de Galicia aos que nos achegamos”.

Formoso agradeceu a “todos e todas, a cada un dos militantes que avalou coa súa firma esta candidatura, a súa confianza. “É un primeiro paso para que o día 30 de outubro poidamos elixir democraticamente que modelo de PSdeG queremos para o futuro”, afirmou.

0.17017602920532