Varias organizacións presentan unha forte oposición ao Plan Forestal da Xunta

TerraChaXa | LugoXa
8 Feb 2021

Unha fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego, veñen de iniciar unha campaña de rexeitamento á primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), que se comezará a debater no Parlamento Galego o vindeiro 23 de febreiro.

A primeira das accións para tentar frear o texto que se debaterá para a súa aprobación tivo lugar a semama pasada, na mesma sede do Parlamento, onde unha representación dos colectivos mantivo un encontro co Grupo Parlamentario do Partido Popular para presentarlles un decálogo de razóns polas que esta revisión do PFG non debería ser aprobada.

De feito, lonxe de chegar a un acordo, concretáronse máis reunións, nesta ocasión co resto de grupos políticos, que tamén manifestaron a súa negativa ante o Plan.

A representación da fronte social expúxolle ao Partido Popular as súas queixas sobre o proceso de participación inexistente que precedeu o debate parlamentario desta revisión do PFG. Neste senso, lembraron que a única exposición pública da revisión do PFG foi hai tres anos, en 2018, e dun texto distinto ao que chega agora ao Parlamento de Galiza.

No encontro, fíxoselles entrega das alegacións que se fixeron ao Plan Forestal por parte de setenta organizacións sociais en 2018 e o texto do Manifesto por un Monte Galego con Futuro de 2019. A maiores, tamén se lles expuxo o contido do decálogo no que se enumeran as razóns polas que rexeitan na súa integridade a primeira revisión do Plan Forestal que pretende aprobar o Partido Popular no Parlamento de Galiza.

Segundo explican este texto fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego e dun inventario forestal irreal e desfasado con datos do 2009. Po outra banda asegurna que carece de consenso social xa que na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

Engaden tamén que esta lei "responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado, deixando de lado o interese público e xeral, e a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais". Indican que fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano. Nesta liña aumenta aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens.

Así mesmo considera este grupo heterodoxo que promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 hectáreas destes terreos e favorece a " a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático" así como a "proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios". Aseguran que non formula solucións para ascausas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.

Para este colectivo outro dos erros do plan é que "agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte".

Finalmente, cren que este novo sistema alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, "favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís".

0.17502307891846