Veciños de Caraxeita denuncian o mal estado dunha pista municipal e a falta de desbroce en terreos do Concello de Begonte

Veciños do barrio de Caraxeita, na parroquia de Felmil, denuncian o deterioro dunha pista municipal e a falta de mantemento de parcelas de titularidade pública situadas nas proximidades de vivendas, unha situación que aseguran que se repite ano tras ano sen que se adopten solucións por parte do Concello de Begonte.
Segundo explican, a vía que comunica Caraxeita co cruzamento da estrada que une Rábade e Cospeito presenta un estado moi deficiente debido á presenza de numerosos socavóns ao longo do seu percorrido. A veciñanza considera que as condicións actuais dificultan a circulación e poden supoñer un risco tanto para os vehículos como para as persoas que transitan a pé por esta estrada municipal.
Os residentes afectados afirman que trasladaron as súas queixas e reclamacións ao Concello en varias ocasións, pero aseguran que, polo momento, non teñen constancia de que estea prevista ningunha actuación para mellorar a situación. Ante esta circunstancia, optaron por facer pública a súa denuncia a través dos medios de comunicación coa intención de chamar a atención das administracións responsables.
Ademais do estado da pista, os veciños tamén alertan da falta de limpeza e desbroce en determinadas parcelas de propiedade municipal situadas preto de vivendas. Neste sentido, sinalan o caso dunha finca localizada tamén en Caraxeita que, segundo denuncian, permanece sen acondicionar malia atoparse xunto a edificacións habitadas.
A veciñanza considera que esta situación pode incrementar o risco en caso de incendio e lembra que a normativa autonómica en materia de prevención de incendios forestais establece obrigas de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos habitados. Por iso, reclaman ao Concello que acometa os traballos de mantemento necesarios tanto nas vías municipais como nos terreos da súa titularidade para garantir a seguridade e o benestar dos residentes da zona.