Veciños de Guntín reclaman á Xunta a restitución das paradas no transporte escolar
Pais e nais dos CEIP Antonio Insua Bermúdez e CEIP Manuel Mato Vizoso fixeron chegar a súa queixa pola eliminación das paradas do servizo de transporte escolar en Guntín e reclaman que sexan restituídas incluíndoas de novo no servizo ordinario e co seu funcionamento habitual.
Segundo explicaron co comezo deste curso, a Consellería de Educación cambiou o sistema da parada de Guntín, en Vilalba, pasando a dar servizo a esta zona un autobús que depende do departamento de Mobilidade da Xunta de Galicia. A poucos días de comezar o curso, a Consellería informou aos pais e nais do alumnado que viña empregando esta parada de que dende agora usarían este servizo fóra do transporte escolar ordinario, e que os seus fillos deberían empregar a tarxeta moedeiro Xente Nova para facer uso do autobús.
Para os pais, "esta situación provoca unha discriminación entre o alumnado, xa que para ser usuario da tarxeta, cómpre ter DNI, que só é obrigatorio a partir dos 14 anos. Ademais, a tarxeta esixe ser maior de 4 anos, a pesar de que hai alumnos/as de 3 anos de idade que si teñen asignada dita parada anteriormente, ata os cambios forzados para este curso".
Deste xeito, xa na primeira semana de curso déronse situacións de rapaces aos que non lles funcionaba a tarxeta e que por non ter cartos en efectivo tiveron que baixarse do autobús.
Protestan os pais de que o autobús recolle tamén a outras persoas usuarias, "pero en ningún caso garante as prazas para os escolares, dándose situacións de incertidume sobre se os rapaces poderían volver neste servizo ao rematar as aulas".
A esta situación súmase que os escolares viaxan sen a supervisión dunha persoa adulta, unha circunstancia que nunca tivo o consentimento dos pais. Así, os pequenos estarían sen supervisión durante o traxecto así como durante os momentos de entrada e saída do vehículo. Ademais, isto tamén provoca que non se verifique quen recolle aos rapaces na parada.
Por último, consideran que este sistema non garante o cumprimento do protocolo covid-19, xa que non rexistra os usuarios que fan uso del, polo que é inviable establecer a trazabilidade de posibles contaxios.