Vendidas na poxa de gando da Fonsagrada as catro xatas da Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
O mercado da Fonsagrada celebrou unha poxa de xatas preñadas de Acruga, con pleno de adxudicacións, boa asistencia e altas cotizacións.
poxa gando fonsagrada xatas prenadas
21 May 2023

O mercado gandeiro da Fonsagrada volveu celebrar unha poxa de xatas preñadas de Acruga, e unha vez máis se cumpriu o guión habitual neste recinto, con pleno de adxudicacións, boa asistencia e altas cotizacións, o que levou a pechar esta nova poxa cun prezo medio de case 2.600 euros. De feito, das seis poxas celebradas no que vai de ano, esta é a cuarta na que se logra este prezo medio, o que dá unha idea da gran demanda destes exemplares entre os gandeiros de loura.

As catro xatas preñadas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, vendéronse a outros tantos gandeiros do Corgo, Castroverde e dous da Fonsagrada. Os dous primeiros exemplares son os que alcanzaron unha maior cotización, con 2.900 e 2.950 euros, mentres que as outras dúas xatas vendéronse por 2.200 e 2.300.

Trátase duns moi bos resultados, que demostran a demanda, máis aínda se se ten en conta que este é a terceira #fin# de semana consecutiva que se celebra unha poxa de Acruga, despois das de Seoane do Courel e Cervantes.

A actividade de Acruga continuará na Semana Verde de Silleda, entre o 9 e o 11 de xuño, para o día 16 celebrar a gran cita da Raza Loura Galega, co concurso, a exposición e a poxa, todos eles de carácter nacional, na feira de Adai, no Corgo.

0.16444897651672