Verdegaia critica o baixo orzamento da Xunta para a protección das Fragas do Eume

TerraChaXa

A Xunta vén de informar que desestima as alegacións realizadas por diversos colectivos, entre eles Verdegaia, á ampliación da AG-59 entre Santiago de Compostela e A Estrada.

5 ene 2023

A Xunta vén de informar que desestima as alegacións realizadas por diversos colectivos, entre eles Verdegaia, á ampliación da AG-59 entre Santiago de Compostela e A Estrada. "Unha ampliación que ameaza con danar de xeito irreparable unha zona protexida como Rede Natura 2000 e ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza", segundo indican os directivos da asociación.

"Esta decisión ficaría como un despropósito máis dunha administración que segue promovendo o uso dos medios de transporte máis contaminantes se non fora porque coincide co anuncio do orzamento que a Xunta vai destinar anualmente á conservación do Parque natural das Fragas do Eume", engaden.

Así, as Fragas do Eume terán asignados anualmente 54.000 euros para medidas de conservación, o que califican "unha contía irrisoria se comparamos cos 70.000.000 euros que custará a construción dos sete quilómetros adicionais da AG-59. É dicir, o orzamento para a ampliación dunha autoestrada secundaria equivale ao que se destinará a conservar un dos principais bosques atlánticos de Europa durante os próximos 1.296 anos".

Explican que a conservación dun espazo natural esixe principalmente investimento en recursos humanos, coa creación de postos de traballo estables asociados ao coidado do medio e en boa medida cualificados (biólogas/os, axentes forestais, etc.). Por contra, a construción dunha autoestrada supón un investimento principalmente en materiais e maquinaria, moitas veces valorados de forma subxectiva pola empresa construtora sen o debido control da administración, e a creación de empregos temporais e pouco cualificados.

Afirman que esta preferencia en orientar o gasto público a infraestruturas de transporte é unha constante e a ampliación da AG-59 é simplemente o último caso dunha extensa lista: a ampliación da ponte de Rande, a ampliación da AP-9 en Compostela, o corredor do Baixo Miño, etc. "Algo que contrasta co mínimo orzamento asignado aos Parques Naturais e coa falta de protección de moitos dos espazos de maior valor ecolóxico. Cómpre lembrar que a Comisión europea leva máis dunha década avisando que a porcentaxe de territorio protexido como Rede Natura 2000 na Galiza é insuficiente (a máis baixa de todo estado) pero a Xunta segue sen ampliala".

En definitiva, afirman que os 54.000 euros destinados á conservación das Fragas do Eume non son suficientes nin para pagar as nóminas das persoas traballadoras. "Un espazo destas características necesita un especial coidado, máxime cando ao longo dos últimos anos a propia administración autonómica permitiu que dexenerara polas plantacións de eucaliptos e a expansión de especies invasoras que en parte foron as responsables da perda de máis de 300 hectáreas no incendio de 2012".