Vicepresidencia critica os atrancos da Xunta para iniciar os traballos na Torre de Caldaloba
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro denunciou os obstáculos que a Xunta de Galicia está a poñer para que a área de Cultura execute os traballos de consolidación e estabilización previstos na Torre de Caldaloba.
Trátase dun proxecto orzamentado en 41.200 euros, que prevé actuacións para conter o deterioro na edificación e asegurar o seu entorno máis inmediato. Ao tratarse dunha intervención nun Ben de Interese Cultural, a área de Cultura solicitou á Xunta de Galicia permiso para realizar as obras. A solicitude, que se tramitou o pasado 23 de febreiro, non tivo resposta.
Maite Ferreiro explicou que “desde o momento en que tomamos a iniciativa para incorporar a Torre de Caldaloba ao patrimonio público, a Xunta de Galicia non fixo máis que poñer paus nas rodas. Unha vez se adquiriu a propiedade por parte da Deputación de Lugo, anunciaron que exercerían o dereito de retracto en favor do Concello, pero sete meses despois seguimos sen ter noticias. E tampouco facilitan que se poidan levar a cabo os traballos necesarios para asegurar a Torre”.
O proxecto recolle diferentes actuacións sobre as fachadas Noroeste e Suroeste da Torre do antigo castelo de Vilaxoán. Os traballos previstos consisten na limpeza de vexetación nas dúas fachadas e na coroación dos muros de cachotería mediante a retirada manual de plantas e raíces; na substitución e reparación dos elementos de cimbra de madeira do interior da Torre, na recolocación ou substitución da cuberta de chumbo instalada en 1998 e na inxección de morteiro de cal sobre muros e fábricas de ser necesario.
A Deputación de Lugo é propietaria dunha das parcelas nas que se ubica a Torre, preto de 2 hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación.
Trátase dunha parcela adquirida pola institución provincial a través dun acordo de Xunta de Goberno tomado o 29 de xullo e ratificado coa inscrición da compra e venda en documento público o pasado 21 de outubro. A Xunta de Galicia anunciou naquela data que exercería o dereito de retracto que lle outorga a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, mais non concretou o anuncio.