Vicepresidencia da Deputación pide á Xunta que garanta a recuperación da Torre de Caldaloba

TerraChaXa
A Vicepresidencia da Deputación insta á Xunta de Galicia a garantir a recuperacion e posta en valor da Torre de Caldaloba
torre de caldaloba cospeito
5 Nov 2022

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo recibiu un escrito no que a Xunta de Galicia comunica a súa intención de exercer o dereito de retracto sobre a parcela na que se ubica a Torre da Caldaloba, na parroquia de Pino, en Cospeito.

Trátase dun terreo adquirido pola institución provincial a través dun acordo de Xunta de Goberno tomado o 29 de xullo e ratificado coa inscrición da compra e venda en documento público o pasado 21 de outubro.

A Vicepresidencia da Deputacion de Lugo Maite Ferreiro lembrou que “demos ese paso adiante despois de décadas nas que colectivos culturais, partidos políticos e institucións demandaran á Xunta de Galicia que asumise as súas competencias sobre o ben, sen que nin o goberno galego nin o municipal materializasen actuación ningunha”.

“Agardamos que este movemento da Xunta de Galicia responda a un interese por protexer, restaurar e poñer en valor a Torre e a súa contorna,  que é o obxectivo co que se adquiriu este ben de interese cultural por parte da Deputación de Lugo. Temos exemplos abondos doutros bens patrimoniais na provincia e na cidade, como o Pazo de Dona Urraca no barrio da Tinería,  que demostran que a propiedade pública, por si mesma, non garante a rehabilitación nin a posta en valor”, sinalou.

“O que dá garantías diso é a existencia dunha vontade política, dun compromiso real. E a asignación de recursos económicos para levar adiante os proxectos. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten demostrado que, pola nosa parte, ese interese é firme. E seguiremos dando pasos nesa dirección, como viñemos facendo, en colaboración cos colectivos culturais e de defensa do patrimonio que levaban décadas reclamando a recuperación deste BIC de tanto valor histórico e simbólico para o país”, concluíu.

0.19187998771667