Vidal Baamonde destaca a capacidade emprendedora dos profesionais do sector lácteo

TerraChaXa
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou na inauguración das XVI Xornadas Técnicas de Vacún e Leite, que tivo lugar na Facultade de Veterinaria.
1 1
9 Nov 2018

O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou na inauguración das XVI Xornadas Técnicas de Vacún e Leite, que tivo lugar na Facultade de Veterinaria. Alí puxo en valor a capacidade emprendedora dos profesionais do sector, “que fai grandes esforzos inversores co fin de mellorar as súas explotacións e aumentar así as producións”.

Vidal Baamonde, ao fío do enfoque desta nova edición, Unha gandería de precisión para as novas demandas,  subliñou que “estamos ante unha xeración de profesionais que non dubida en poñer en práctica os últimos avances tecnolóxicos, polo que estou convencido de que ante calquera desafío, se as administracións se comprometen en traballar man a man con vós e non ás vosas costas, vós marcaredes a diferenza entre un campo condenado a morrer e un campo cunha vida por diante”.

“Dende a Deputación, tendémosvos a man e colaboramos con estas xornadas. E o feito de que estes días se reúnan en Lugo prestixiosos expertos e numerosos profesionais do sector, é proba de que o agro galego ten ante si, malia as dificultades, un prometedor futuro”, destacou.

Centro de recría e Unidade de leite

Vidal Baamonde avanzou que o Goberno da Deputación procura unha Deputación social, rural e coas persoas, e, a diferenza do que fan as administracións que teñen competencias directamente na materia, “o Executivo provincial non mira para outro lado”. Por iso, construíu en solitario na provincia, o 1º Centro de Recría de España, no que hoxe en día hai unas 400 reses. É un centro pioneiro que so ten unha finalidade: impulsar o medio rural. Salientou ademais, que, tras anos de traballo e investimento en solitario, cunha inversión de 12 millóns de euros, e sen apoio de ningunha administración coas competencias, o Centro de Recría é unha realidade.

Vidal Baamonde lembrou tamén que se está a construír a Granxa Experimental do Campus Terra, cunha inxección de case 930.000 euros, en colaboración coa USC. Explicou que os obxectivos deste novo proxecto son avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. “Coa Granxa, o Goberno da Deputación procura contribuír á eliminación dun dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais”.

Segunda Xornada

Un relatorio sobre o impacto económico das coxeiras, a cargo do veterinario Francisco Javier Blanco Murcia abrirá a xornada do venres. Continuará a intervención de Iván Ansia Vázquez, veterinario asistente de investigación na Universidade de Illinois, sobre nutrición e socialización da recría para lograr unha lactación máis produtiva.

A xornada continuará coa intervención de Carlos Hernández Mariscal, xerente de Control de Produción da Asociación Holstein de Mexico, sobre eficiencia os retos económicos nos cortellos leiteiros; o veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Jesús Camba Méndez, que afondará no valor da vaca morta.

0.2179160118103