Viladonga fará a entrega dos boletíns de propiedade da reestruturación parcelaria o venres

A Xunta de Galicia convocou ás persoas propietarias interesadas na zona de reestruturación parcelaria de Viladonga, no concello de Castro de Rei, para a entrega dos boletíns individuais da propiedade correspondentes ás Bases e ao Plan de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria (POPEVA).
O acto terá lugar este venres 19 de xuño ás 11.30 horas no local social da Comunidade de Montes. Durante a xornada entregaranse os documentos que recollen o resumo dos datos relativos a cada titular e ás súas achegas, incluíndo a determinación das superficies e das clasificacións das parcelas.
Para recoller esta documentación, as persoas propietarias deberán presentar o DNI. No caso de acudir unha persoa autorizada, será necesario achegar unha autorización asinada e unha copia do DNI da persoa propietaria.
As Bases e o Plan de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria permanecerán ademais expostos ao público no Concello de Castro de Rei e tamén na páxina web da Consellería do Medio Rural, onde as persoas interesadas poderán consultar toda a información relativa ao proceso.
A Administración autonómica lembra tamén que as novidades desta zona de reestruturación parcelaria poden seguirse a través da canle de WhatsApp habilitada para este fin.