Vilalba Aberta esixe o desbloqueo da RPT

TerraChaXa
Modesto Renda censurou os continuados retrasos administrativos e acusou ó PSOE de ter paralizada a RPT "igual que facía o PP".
casa do concello de vilalba
19 Dec 2021

Modesto Renda censurou os continuados retrasos administrativos e acusou ó PSOE de ter paralizada a RPT (Relación de Postos de Traballo) "igual que facía o PP".

Vilalba Aberta volve pedir explicacións ao goberno en relación cos continuados atrasos administrativos no Concello. A formación municipalista reclama, así, por terceira vez no que vai de lexislatura, que se desbloquee a elaboración dunha RPT (Relación de Postos de Traballo) que - censuran - “segue exactamente no mesmo punto, dous anos e medio despois do cambio de goberno”

O voceiro de  Vilalba Aberta, Modesto Renda, asegurou que "existen moitas razóns polas que o goberno local debe desbloquear a  RPT, entre elas, cubrir as vacantes, a redefinición de postos actualmente desfasados ou a cobertura de novas necesidades derivadas da lóxica evolución administración".

"Dende  Vilalba Aberta queremos que a veciñanza de vila e parroquias conte con todos os servizos que mantén cos seus impostos, polo que se deben superar as carencias causadas pola falta de persoal en intervención, urbanismo, administración xeral ou Policía Local entre outros", explicou.

Renda, que vinculou necesidade de aprobar a RPT coa “desexable xestión pública de servizos municipais privatizados polo PP tales como o de limpeza nos colexios e instalacións municipais”, volveu denunciar a aposta do PSOE polo que cualificou de “modelo de xestión abertamente ineficaz”.

“A RPT é un instrumento organizativo que, máis alá de permitirlle ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo, está pensada para facelo en función da necesidade dos servizos que teñan, o que abriría a porta á prestación directa de servizos actualmente privatizados e de aí tamén a nosa teima”, apuntou.

0.17568302154541