Vilalba Aberta inaugura a súa nova sede

TerraChaXa
A sede que Vilalba Aberta abrirá esta semana ao público na Rúa de Galicia (Nº4, baixo).Un espazo para a formación municipalista.
vilalba aberta nova sede
vilalba aberta nova sede
19 mar 2023

"Un espazo aberto á rúa e á xente, que dea resposta ao crecemento da nosa base social e proxecte a VA como alternativa de goberno de cara ao 28M”. Así definiu Modesto Renda a sede que Vilalba Aberta abrirá esta semana ao público na Rúa de Galicia (Nº4, baixo).

Un espazo que a formación municipalista pretende converter no “símbolo do traballo e a vida política do partido no casco urbano” e que se inaugurou formalmente cunha xuntanza da candidatura. 

“Queriamos unha sede céntrica e moi accesible para a veciñanza, pois a súa apertura debe servirnos como rampla de lanzamento de cara a unhas Municipais nas que imos a por todas, coa ilusión e o convencemento de que VA vai dar a campanada cun resultado histórico”, declarou o candidato.

Unha opinión compartida pola responsable de organización do partido, Mónica González, quen celebrou “a evolución dun grupo de veciños que hai 8 anos se comezaron a xuntar para cambiar a política do Concello” e que a base de “traballo e moitas ganas hoxe dan un novo paso adiante coa apertura dun local a pé de rúa”.

Así, e ao tempo que se puxo en valor o “imparable crecemento” da organización, González recordou con nostalxia as primeiras asembleas de Marzo de 2015. “Comezamos cun carteliño plastificado e agora inauguramos a nosa sede”, explicou.

Dende a formación agardan seguir reforzando o seu proxecto como un sinónimo de “compromiso, traballo, solvencia e confiabilidade”. Unha alternativa política e un equipo humano que, como a nova sede, “estea aí para quen o precise”.