Vilalba Aberta levará ao Pleno o soterramento do cableado das fachadas

TerraChaXa
Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao vindeiro Pleno Ordinario de Setembro.
69814514_1088662388190779_6049843357792862208_n
15 sep 2020

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao vindeiro Pleno Ordinario de Setembro. Unha proposición, que o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, anunciou xa que defenderá acompañada dunha interpelación á Alcaldesa e ao voceiro e ex alcalde do PP de Vilalba, Agustín Baamonde, en relación co destino das subvencións para a renovación e supresión das redes aéreas na zona delimitada coma de “Rehabilitación Integral” (ARI) do casco antigo, dende o ano 2011.

É por isto que a proposta, relativa ao deseño dunha intervención global para o progresivo soterramento do cableado das fachadas, a fin de “rematar co feísmo” e por “motivos obvios de seguridade”; se complementará cunha pregunta que, tal e como explicou Renda na presentación da iniciativa “pretende arroxar luz diante da veciñanza ao respecto do acordo marco de financiamento das Áreas de Rehabilitación Integral no que as partes asinantes, isto é; Concello, Fomento e Xunta, se comprometeron a establecer medidas específicas para cada unha das que se incluían no mesmo, coa participación directa da administración local.”

“Instamos ao actual Goberno do PSOE a “moverse”, comezando polo casco histórico, en base á necesidade dunha maior seguridade para a veciñanza e a fin de mudar a imaxe que na actualidade ofrece o municipio” remarcou o voceiro no contexto da explicación dun Plan, que parte da elaboración dun mapa identificativo de todos os puntos da vila onde hai existe cableado aéreo e postes, para, de seguido, acometer a redacción dos proxectos técnicos correspondentes para a adecuada renovación e soterramento de cada un deles, así como a dun cronograma das actuacións, que priorice de forma gradual aqueles puntos que xeren un maior perigo potencial para veciños/as e visitantes.

Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira de Grupo e segunda edil da formación, Mº Xosé Fernández, acusando ao Goberno do PSOE de “inacción” e de continuar coa senda de décadas de gobernos populares nos que “lexislatura tras lexislatura” se desbotou a oportunidade de “sepultar a maraña de cables que hai tanto no casco histórico como noutros barrios da vila”, en clara referencia ao desaproveitamento das renovacións de pavimentos que se fixeron en diferentes puntos de Vilalba, así como en alusión ao acordo da comisión bilateral celebrada o 14 de Maio de 2012 e rubricada polo anterior rexedor, Gerardo Criado; a Ministra de Fomento; e o Presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo, en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e que compromete ao Concello de Vilalba, en tanto que receptor das axudas, a “actuar coma xestor das actuacións, obrigándoselle a xestionar diante dos Organismos pertinentes e coas compañías subministradoras” a “renovación e supresión” dos anteditos cables.

0.18256402015686