Vilalba Aberta pide unidade para a declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico de Galicia
A Asemblea Xeral de Vilalba Aberta manifesta o seu apoio á declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico de Galicia, destacando a relevancia deste recoñecemento para o municipio de Vilalba. O colectivo chama á unidade de partidos políticos e institucións co obxectivo de acadar esta importante distinción.
Desde Vilalba Aberta, salientan que, como partido municipalista, a súa prioridade é a defensa dos intereses da localidade. Neste sentido, subliñan que a Feira do Capón "é un evento único en Galicia polas súas características, sendo unha tradición profundamente arraigada no tempo". Ademais, destacan o elevado número de criadores e consumidores que, ano tras ano, "contribúen ao éxito da feira e avalan a calidade excepcional do seu produto".
"Este apoio forma parte dun esforzo colectivo para valorizar un evento que é símbolo de identidade local e motor económico e cultural para Vilalba e a súa comarca", din.
Esta declaración faise despois da polémica xurdida esta última semana, na que o Concello afirmou que a Xunta non lle concedera o título de Festa de Interese Turístico á Feira do Capón, ao que o Goberno autonómico alegou que este non presentara a documentación pertinente.