Vilalba Aberta pregunta polas débedas do Concello coas parroquias polas carpas

TerraChaXa
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar que fará súas as reivindicacións de varias parroquias e levará a Pleno o pagamento das carpas alugadas con vistas á celebración das patronais do 2019.
23 Out 2020

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar que fará súas as reivindicacións de varias parroquias e levará a Pleno o pagamento das carpas alugadas con vistas á celebración das patronais do 2019.
Unha interpelación directa á Alcaldía, que dende a formación definen como “urxente”, pois, explican, “foi rexistrada logo meses de reclamacións por parte dos veciños/as que, hai máis dun ano e coa garantía do anterior Goberno Municipal, fixeron fronte ao pago das mesmas adiantando o diñeiro dos seus petos.”
Censuran que, cando Vilalba Aberta estaba no Goberno, se chegara a un acordo tácito co PSOE de que se faría fronte ao pago de todas aquelas carpas que o goberno saínte do PP deixara comprometidas, para, logo en 2020, aumentar a subvención para festexos ás parroquias, a fin de que as diferentes asociacións e/ou comisións de festas puideran asumilas en tempo e forma.
Un xeito de proceder “inconcibible”, a xuízo da concelleira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen denunciou que as “promesas de pago da alcaldesa na Radio cando Vilalba Aberta aínda estaba no Goberno, deron paso á negativa rotunda, toda vez que, meses despois, a veciñanza comezou a preguntar polos pagos”.
A este respecto, Fernández apuntou directamente á “falta de lealdade institucional” dun Goberno que “de novo trata de ocultar a incapacidade propia escusándose no xeito de facer do PP, namentres os veciños das parroquias afectadas, cos uns e cos outros, son tomados por parvos”.
Unha opinión compartida polo voceiro municipal de Vilalba Aberta, Modesto Renda, quen cualificou de “lamentable” o feito de que a veciñanza de determinadas parroquias “estea a pagar co seu diñeiro as consecuencias dunha irresponsable disputa política”.
É por isto que, ademais de urxir ao Goberno a delimitar os pertinentes pagos con cargo ao vindeiro orzamento a negociar de 2021, Vilalba Aberta pedirá explicacións a Alcaldía, pola vía dunha solicitude de comparecencia en Pleno, co fin de que se dea conta das razóns últimas que xustifican as distincións entre parroquias e festexos, ao respecto dos anteditos pagos.

0.14976286888123