Vilalba Aberta propón un Plan Municipal Forestal con axudas para a repoboación con frondosas

TerraChaXa
A escasos 7 días da celebración do último Pleno, Vilalba Aberta ven de presentar unha nova iniciativa, a debater xa na vindeira sesión ordinaria de Marzo.
castiñeiro
8 Feb 2019

A escasos 7 días da celebración do último Pleno, Vilalba Aberta ven de presentar unha nova iniciativa, a debater xa na vindeira sesión ordinaria de Marzo.

Unha nova proposta aos grupos, que a topa o seu contexto na necesidade de reverter o actual estado de abandono do monte, facéndoo economicamente rendible para o conxunto da súa veciñanza.

“Que un monte coidado é menos vulnerable diante do permanente risco dun incendio, semella tan incontestablemente certo coma o feito de que a explotación sustentable da nosa masa forestal, suporía unha saída produtiva clave para a veciñanza do noso Concello.” Apuntan dende a formación. Un verdadeiro “dique de contención”, aseguran, diante da “asumida lacra do despoboamento”.

Neste senso o Plan Municipal de Transición Forestal de Vilalba Aberta, parte dun triplo enfoque económico, social e ambiental, que, ao xuízo do establecido no mesmo, pasa por “subvertir o actual paradigma curtopracista e de hexemonía das invasoras”.

A este respecto, dúas son as actuacións a través das cales a formación pretende conseguir que os montes do Concello sexan realmente produtivos, isto é: por unha banda, o establecemento dunha liña de axudas aos veciños que repoboen con árbores autóctonas que, no medio ou longo prazo, resulten moito máis rendibles (como é o caso do castiñeiro); e  por outra, o decidido apoio municipal á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas con cultivos de cogomelos, así coma de diversificación tamén cara a práctica da apicultura.

Dende a formación faise referencia aos diversos estudos que teñen demostrado que o castiñeiro e a produción de castañas resultaría seis veces máis rendible que as actuais plantacións de eucaliptos. A este respecto, e tal e como lembraba na mañá de hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, “un castañal de 15 anos correctamente atendido, pode xerar un produto anual por hectárea de entre 6000 e 8000 euros, fronte aos 1000 ou 2000 que xera un eucaliptal do mesmo tamaño.”

Unha cifra, lembra, “calculada tendo coma única consideración a produción exclusiva de castaña, pois, a medio e longo prazo, a súa madeira é un segundo ben rendible.” Ademais, o voceiro non se quixo esquecer da posibilidade de compaxinar a venda das castañas directamente con plantas de procesamento: “a fariña de castaña ten cada vez  maior demanda entre os alérxicos ao glute e o marrón glacé é en toda Europa un produto de alto valor engadido”. remarcou

Na mesma liña, e no que ten que ver coa alusión á explotación conxunta con cultivos de cogomelos ou coa apicultura, (en tanto que actividades que, á parte de ser moi rendibles en se mesmas, son beneficiosas para a contorna e para o óptimo desenvolvemento dos castañais) Modesto Renda fixo especial fincapé na pioneiras e exitosas experiencias de plantación en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do conxunto do País, e que “con grandes expectativas de negocio, avanzan xa na multifuncionalidade do noso monte, así coma na diversificación de actividades coma fonte de ingresos para a súa veciñanza.”

O primeiro paso é para Vilalba Aberta, que o Concello de Vilalba proceda á delimitación e posterior publicidade, a través das súas diferentes canles de comunicación, dun prazo para a solicitude de axudas ao repoboamento con frondosas. Neste senso, dende a formación reivindican tamén do Concello que facilite aos interesados a posibilidade de solicitar no consistorio un formulario para pedir estas subvencións.

A posterior apertura dunha liña de axudas, delimitada previo consenso dos grupos con representación municipal, a través dunha partida específica nos Orzamentos de 2019, estaría establecida en función das solicitudes recibidas e da superficie afectada. A este respecto, lembran, “terase en conta a clase de terreo do que se trata á hora de definir o número e tipo de árbores que se poden plantar.”

Na mesma liña, a entrega de plantas para reforestar eses terreos, configuraríase a razón dunha árbore por cada 49 metros cadrados en superficie forestal e unha por cada 100 en fincas de uso agropecuario, de acordo co que establece a Lei de Montes de Galicia.

Por ultimo, a proposta de Vilalba Aberta fai referencia á organización dunha ou varias xornadas de sensibilización, a fin de informar á veciñanza e ás comunidades de montes, responsables da xestión, sobre as distintas posibilidades, así como para fomentar e incentivar outras formas de aproveitamento dos nosos montes e acerca do cumprimento da normativa contra incendios.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1763961315155