Vilalba Aberta reclama prezos xustos e menos burocracia para as explotacions

TerraChaXa
A formación municipalista secunda as reivindicacións do sindicalismo agrario e Modesto Renda pide que "as decisións que lle afectan aos produtores non se tomen unicamente dende despachos que descoñecen a realidade das explotacións".
concelleiros vilalba aberta
concelleiros vilalba aberta
12 mar 2024

A formación municipalista secunda as reivindicacións do sindicalismo agrario e Modesto Renda pide que "as decisións que lle afectan aos produtores non se tomen unicamente dende despachos que descoñecen a realidade das explotacións".

Vilalba Aberta fixo público hoxe o seu “total apoio” ás reivindicacións do sector agrogandeiro. A formación municipalista convértese deste xeito na única organización política vilalbesa en secundar os postulados do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e Unións Agrarias (UUAA) e demandar das administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo unha táboa reivindicativa conxunta a fin de que se activen urxentemente medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio ou a adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas.

“As PAC débense pensar dende as granxas e para as granxas, sinalou o seu Portavoz Municipal e vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, quen pediu que se “teña en conta ao rural” e que as decisións “non se tomen unicamente dende os despachos”.

Unha opinión compartida por Susana Pérez, membro de Vilalba Aberta e profesional veterinario en exercicio, quen afirmou que este sector “é fundamental e estratéxico para Vilalba” e que “non se pode garantir o mantemento da actividade gandeira, cuns prezos en orixe que nin tan sequera cubren os custos de produción”.

Pérez chamou a apostar porque a transformación da materia prima se realice en Galiza, creando novos postos de traballo e garantindo a continuidade do noso rural e instou ás administracións competentes a impulsar un novo modelo de ordenación do territorio que permita impulsar modelos produtivos que favorezan a desintensificación da actividade agraria, co obxectivo non só de acadar modelos máis sustentábeis ambientalmente, senón tamén economicamente, ao diminuír os custos de produción.