Vilalba aborda no Foro Xeneracambio os retos da Terra Chá e do medio rural

TerraChaXa
No encontra analizáronse cuestións como o acceso á vivenda, a mobilidade, o emprego, o relevo xeracional e a capacidade do territorio para atraer novos habitantes
xornadas-genera-cambio-terra-cha-vilalba
6 Oct 2026

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu este martes o Foro Xeneracambio, unha iniciativa organizada pola Cruz Vermella como espazo de reflexión e intercambio de propostas arredor dos principais desafíos que afronta o territorio.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, participou na xornada xunto con representantes de diferentes axentes da Terra Chá, nun encontro no que se analizaron cuestións como o acceso á vivenda, a mobilidade, o emprego, o relevo xeracional e a capacidade do territorio para atraer novos habitantes.

O foro permitiu poñer en común diferentes puntos de vista e abordar a necesidade de avanzar cara a solucións concretas mediante a colaboración entre persoas, entidades e institucións. A organización puxo o foco na importancia de crear alianzas, compartir recursos e coñecementos e promover novas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do territorio.

Durante a xornada tamén se destacou que afrontar os retos aos que se enfronta o medio rural require coordinación e implicación colectiva, especialmente ante cuestións como o despoboamento, a falta de oportunidades laborais ou as dificultades para garantir servizos e favorecer a chegada de novos poboadores.

Desde o Concello de Vilalba agradeceron á Cruz Vermella a organización do Foro Xeneracambio, así como a participación das persoas e entidades que contribuíron ao debate e á posta en común de propostas para o futuro da Terra Chá.

0.14519000053406