Vilalba abre o seu punto de atención á infancia como reforzo á conciliación

O Concello de Vilalba puxo hoxe en funcionamento o novo Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo público dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos que supón un paso moi importante na mellora da conciliación laboral e familiar no municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo, visitaron esta mañá as instalacións coincidindo co seu primeiro día de actividade.
A posta en marcha do novo PAI é o resultado de meses de traballo, planificación e escoita activa das necesidades das familias vilalbesas, que viñan demandando máis recursos públicos para a atención á primeira infancia. O centro conta cun total de 20 prazas, que xa están cubertas, o que confirma a necesidade deste servizo.
“A apertura do Punto de Atención á Infancia era un obxectivo prioritario para este goberno e hoxe damos un paso moi importante para facelo realidade”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que destacou que “falamos dun servizo esencial para apoiar ás familias, facilitar a conciliación e contribuír a que Vilalba sexa un lugar no que se poida vivir e formar unha familia”.
Rouco subliñou tamén que “a aposta polos servizos públicos, especialmente os vinculados á infancia, é clave para fixar poboación e ofrecer igualdade de oportunidades”. “Este PAI non é unha actuación illada, senón que forma parte dunha estratexia máis ampla que inclúe o reforzo do servizo de Madrugadores ou a xestión municipal do comedor da escola infantil”, engadiu.
A alcaldesa puxo en valor o traballo realizado nos últimos meses para facer posible a apertura do centro e reiterou o compromiso do goberno local coa conciliación laboral e familiar. “Seguiremos traballando para ampliar recursos e servizos que melloren a vida diaria das persoas e que fagan de Vilalba un concello con futuro”, concluíu.
Desde o Concello de Vilalba destacan que a posta en marcha do novo PAI supón un avance significativo na atención á infancia e no fortalecemento dos servizos públicos municipais, reforzando un modelo de concello que aposta polos coidados, a proximidade e o benestar das familias.