Vilalba achega a realidade da infancia galegofalante a través da fotografía de Alba Díaz

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza en Vilalba a exposición fotográfica ‘A lingua do futuro / O futuro da lingua’, da autora Alba Díaz, unha proposta que pon o foco nas nenas, nenos e adolescentes que falan e viven en galego nun contexto de emerxencia lingüística.
A mostra, promovida pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial, poderá visitarse desde o 3 de outubro ata o 1 de novembro de 2026 no espazo A Chouzana, situado xunto ao Palco da Música de Vilalba.
O proxecto pretende abordar a realidade sociolingüística de Galicia desde a creación visual e achegar ao público os rostros dunha xeración que medrou nun contexto de deterioro do uso da lingua galega.
As fotografías retratan persoas que, a pesar de creceren nun escenario marcado por este retroceso, manteñen o galego como lingua materna e de uso maioritario. A proposta pon así o acento no papel da infancia e da adolescencia na continuidade da lingua.
A exposición constrúese principalmente a través de retratos fotográficos en branco e negro, que se combinan con referencias a figuras destacadas da música e da literatura galegas. A montaxe incorpora tamén palabras relacionadas cos afectos e coa natureza de Galicia, establecendo un paralelismo entre a perda do idioma e a ausencia da chuvia como elementos que afectan á identidade colectiva.
A proposta reivindica deste xeito o respecto pola diversidade lingüística e presenta o galego como unha ferramenta esencial para expresar e comprender a experiencia do mundo.