Vilalba acolle a presentación de 'Memorias dun porco teixo', a nova obra de Xosé Manuel Felpeto

A Casa da Cultura de Vilalba será escenario o vindeiro venres 8 de maio, ás 20.00 horas, da presentación do libro Memorias dun porco teixo, da autoría de Xosé Manuel Felpeto Carballeira. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen dará a coñecer os detalles desta publicación editada por Tris Tram. Felpeto, actor e escritor, recolle nesta obra un total de 19 relatos nos que afonda na condición humana desde distintas perspectivas.
Ao longo das súas páxinas, o libro aborda cuestións como as dificultades da vida, a perda, o amor ou a dor, mantendo o característico estilo do autor, marcado por un enxeño seco e directo. Os textos nacen dun caderno persoal no que o escritor foi recollendo vivencias e reflexións, combinando a tradición oral cunha ficción profundamente enraizada na realidade.
A obra complétase co apartado visual de Leandro Lamas, cuxas ilustracións acompañan e enriquecen a narrativa, ofrecendo unha proposta artística que integra palabra e imaxe nun mesmo volume.
O acto enmárcase dentro da actividade cultural promovida polo Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto”, que continúa apostando pola difusión da creación literaria e artística na comarca.