Vilalba acolle este domingo a proxección de ‘Ao son da nova regueifa’ dentro do ciclo Mestre Mateo 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza este domingo, 13 de setembro, a proxección da película documental Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas.
A sesión terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vilalba e será a cuarta proxección do Ciclo Mestre Mateo 2026, que durante os próximos meses permitirá desfrutar das películas finalistas das diferentes categorías dos XXIV Premios Mestre Mateo.
O documental parte da procura da Nova Regueifa para explorar as pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas. A través desta viaxe pola Galicia, a película afonda no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral.
O percorrido, que vai de Bergantiños a Vigo, permite coñecer diferentes regueifeiras e regueifeiros que achegan o público ao mundo do repentismo e amosan o talento, a creatividade e a diversidade que caracterizan a regueifa na actualidade.
A película presenta así diferentes contrastes entre tradición e modernidade, aldea e cidade ou aprendizaxe innata e pedagoxía. A través de testemuñas, versos improvisados e música, o documental ofrece un retrato da regueifa contemporánea, unha arte de profundas raíces que continúa abrindo novos camiños.