Vilalba acolle este sábado a presentación de 'Versos republicanos (e outros poemas)' de Carme Prieto Rouco

TerraChaXa
O volume, editado e acompañado dun estudo introdutorio de Mario Paz González, recupera poemas galegos publicados pola autora entre 1931 e 1936 e outras composicións anteriores e posteriores
presentacion-libro-mario-paz-gonzalez
18 Sep 2026

A sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba acollerá este sábado, 19 de setembro, ás 20:00 horas, a presentación do libro Versos republicanos (e outros poemas) de Carme Prieto Rouco, editado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A entrada será libre.

No acto participarán Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha, e Mario Paz González, autor da edición e do estudo introdutorio que acompaña os poemas. A presentación contará tamén coa lectura de textos da autora a cargo de Pilar Maseda, María Xosé Lamas e Emilia Martínez.

A parte musical correrá a cargo de Carlos Gómez Osa, que interpretará dous temas musicados sobre textos de Carme Prieto Rouco e Manuel María. Pola súa banda, Rosana e Baruk Domínguez interpretarán dous poemas da autora musicados en 1930, na Habana, polo músico ourensán Xosé Fernández Vide. As dúas pezas foron estreadas durante o período republicano, tanto en Cuba como en Galicia, e foron recuperadas agora por Mario Paz González.

O libro recupera unha parte especialmente ignorada da obra de Carme Prieto Rouco, os poemas galegos que publicou en diferentes medios de Galicia e da emigración entre o 14 de abril de 1931 e o 18 de xullo de 1936. A estes engádense outras composicións en galego anteriores e posteriores, algunhas das cales, como sinala o estudo introdutorio, quedaron practicamente descoñecidas.

Os textos permiten seguir a evolución da autora, segundo analiza Mario Paz González, desde os primeiros anos dunha poeta que, a partir da conciencia galeguista adquirida nos anos de mocidade no ambiente das Irmandades da Fala, pasou polo agrarismo e o anticaciquismo ata chegar, nos anos da República, a unha posición de compromiso explícito coa defensa do Estatuto de Autonomía.

A publicación pretende así recuperar e afondar no coñecemento dunha creadora que foi a primeira autora chairega en publicar un libro en galego e que, entre os poetas chairegos da primeira metade do século XX, foi unha das que máis libros publicou. Prieto Rouco tamén foi precursora do teatro en galego e do teatro escrito por mulleres e, nos anos anteriores á guerra, foi homenaxeada en Galicia, Cuba e Arxentina. A súa obra estivo marcada pola tradición popular, o sentimento da terra e a preocupación social.

A edición coincide ademais con dúas efemérides significativas: en 2026 cúmprense 125 anos do nacemento de Carme Prieto Rouco e 100 anos da publicación de Horas de febre, aparecido en 1926 e considerado o seu primeiro poemario.

Carme Prieto Rouco (1901-1977) foi poeta, dramaturga e colaboradora habitual da prensa galega e da emigración. De formación autodidacta, desenvolveu desde moi nova unha intensa actividade literaria, en boa parte esquecida, destacando pola súa poesía de raíz popular e intimista, presente en Horas de febre, así como polo seu compromiso social e político ata os anos da República. Publicou dous poemarios antes da guerra e tardaría máis de vinte anos en dar ao prelo o seguinte. A súa vinculación coa lingua galega mantívose ata o final.

O editor e investigador Mario Paz González (1971) é doutor en Filoloxía Hispánica e catedrático de ensino medio en León, ademais de investigador e escritor. A súa actividade investigadora céntrase principalmente na didáctica da literatura, na poesía do século XX e na crítica literaria en revistas especializadas. Ten colaborado en edicións de textos de diversos autores e publicou recentemente un estudo sobre a poesía para adultos de Helena Villar Janeiro. Tamén foi, con once anos, un dos fundadores do xornal A Voz de Vilalba.

0.14225387573242