Vilalba acolle o sábado a III Feira Intercultural

Vilalba acollerá a III Feira Intercultural de Vilalba, unha iniciativa que volverá converter a Praza de Santa María nun punto de encontro entre culturas o vindeiro domingo 2 de agosto, coincidindo coa celebración da tradicional feira mensual.
O obxectivo desta cita é volver poñer en valor a diversidade cultural existente no municipio a través da gastronomía, convidando aos veciños e veciñas procedentes doutros países a compartir coa cidadanía os sabores, tradicións e costumes dos seus lugares de orixe.
As persoas participantes elaborarán pratos típicos dos seus países, que posteriormente ofrecerán de forma gratuíta aos asistentes durante a celebración da feira, permitindo que veciñanza e visitantes poidan realizar unha viaxe gastronómica por diferentes partes do mundo sen saír de Vilalba.
Co fin de facilitar a participación, o Concello asumirá o custo dos ingredientes necesarios para a elaboración das comidas, de maneira que as persoas inscritas só terán que preparar os pratos e achegalos á Praza de Santa María na mañá do domingo.

A organización asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe, onde permanecerán durante o desenvolvemento da feira, dende as 11:30 horas, compartindo coa veciñanza as súas elaboracións e dando a coñecer unha pequena parte da súa cultura.
A III Feira Intercultural busca consolidarse como un espazo de convivencia e encontro, no que a gastronomía se converta nun vehículo para coñecer outras culturas e seguir construíndo unha Vilalba aberta, diversa e integradora.
A actividade forma parte da programación impulsada pola Alcaldía de Vilalba para dinamizar a tradicional feira mensual e favorecer a convivencia entre a veciñanza, convertendo a Praza de Santa María nun escaparate da riqueza cultural que hoxe forma parte da realidade do municipio.