Vilalba acolle un curso federativo de monitor de fútbol base

TerraChaXa
A Federación Galega de Fútbol, coa autorización da RFEF, a través da Escola Nacional de Adestradores convoca o curso federativo de "Monitor de fútbol base" que se celebrará en Vilalba do 14 de agosto ao 23 de setembro e que permitirá aos alumnos que o superen adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento xeral da Federación Galega de Fútbol.
futbol
7 Aug 2017

A Federación Galega de Fútbol, coa autorización da RFEF, a través da Escola Nacional de Adestradores convoca o curso federativo de "Monitor de fútbol base" que se celebrará en Vilalba do 14 de agosto ao 23 de setembro e que permitirá aos alumnos que o superen adestrar equipos federados ata a categoría que indique o regulamento xeral da Federación Galega de Fútbol.

O obxectivo é o de "completar a formación de Monitor de Fútbol Basee, mediante os ensinos conducentes á obtención do Diploma Federativo. Este curso ten por finalidade proporcionar aos alumnos a formación que garanta adquirir os coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver o seu labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, utilizando os medios materiais e humanos que dispón a Federación Galega de Fútbol".

Así, os alumnos que finalicen o curso posuirán coñecementos xerais actualizados no referente ao adestramento do fútbol de base obtendo un diploma federativo avalado pola Escola Nacional de Adestradores da RFEF que á súa vez permite a convalidación do Bloque de Prácticas a realizar cando efectúen o Curso Federativo de Adestrador Básico de Fútbol.

As ensinanzas que se desenvolverán no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba os luns e mércores dende as oito do serán ás doce da noite e os sábados de oito da mañá a dúas da tarde divídense en áreas comúns e áreas específicas. As primeiras están compostas por módulos transversais de carácter científico e técnico xerais coincidentes e obrigatorios para todas as modalidades e especialidades deportivas. As segundas, conterán os módulos de formación deportiva de carácter científico e técnico propios das especialidades de Fútbol Base.

Son un total de 65 horas lectivas da que será necesario asistir a un mínimo do 75% para obter o diploma.

As prazas dispoñibles son 35 e serán asignadas por orde de inscrición que se formalizará a través do portal da Federación Galega de Fútbol achegando fotocopia do DNI e do Título de Graduado en Educación Secundaria (o titulación superior) ou equivalente a efectos académicos (válido Graduado Escolar), 2 fotografías tamaño carnet (indicando o nome por detrás), matrícula cuberta e xustificante de pago de 150 euros correspondente ás cotas de dereitos de inscrición e matrícula (25  euros) e dereitos de ensinanza (125 euros).

0.15883898735046