Vilalba acolle unha proposta teatral sobre Begoña Caamaño no Auditorio Municipal

TerraChaXa
A iniciativa consiste na representación da peza teatral 'O transgredir das ondas', unha creación arredor da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas
o-transgredir-das-ondas
30 Apr 2026

O Concello de Vilalba presentou unha nova proposta cultural que terá lugar este sábado, 2 de maio, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal.

A iniciativa consiste na representación da peza teatral Begoña Caamaño, O transgredir das ondas, unha creación arredor da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. O espectáculo conta con texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, e está interpretado pola actriz Rocío González, da compañía Berrobambán.

A obra pon en escena a historia dunha xornalista que herda o caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e decide gravar un pódcast en directo no que aborda aspectos menos coñecidos da escritora. A través das anotacións do diario e da súa relación cos distintos momentos da vida profesional da autora, reconstrúese diante do público a traxectoria dunha figura destacada, comprometida co feminismo e cos movementos sociais.

Durante o desenvolvemento da gravación, diversos problemas técnicos alteran o rumbo do relato, introducindo unha dimensión simbólica na que semella que o propio espírito de Caamaño intervén para matizar a narración, reivindicando así o control sobre a súa propia historia, en liña coas protagonistas das súas novelas.

O espectáculo será de acceso libre ata completar aforo, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade de achegarse á figura dunha das autoras máis relevantes da literatura galega contemporánea a través dunha proposta escénica innovadora.

0.13286209106445