Vilalba acollerá a presentación da biografía novelada sobre Begoña Caamaño escrita por Beatriz Maceda

A Casa da Cultura de Vilalba será escenario o este venres 29 de maio da presentación do libro Begoña ou o pracer da amizade, a nova obra da escritora Beatriz Maceda dedicada á figura da xornalista e autora Begoña Caamaño. O acto celebrarase ás 20.00 horas dentro da programación das Letras Galegas 2026 organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) coa colaboración do Concello de Vilalba.
A autora estará acompañada pola tamén escritora Marica Campo nun encontro literario no que se abordará esta biografía novelada publicada por Edicións Xerais. A obra reconstrúe a vida e a traxectoria de Begoña Caamaño a través de personaxes simbólicas da mitoloxía clásica como Circe, Penélope, Morgana ou Xenevra, que acompañan o percorrido vital da protagonista desde a súa infancia en Vigo ata a súa consolidación como referente cultural galega.
Segundo destaca a organización, o libro pon en valor o compromiso social e cultural de Caamaño, así como a súa defensa da igualdade, da liberdade e da xustiza social ao longo da súa carreira profesional e persoal.
Beatriz Maceda conta cunha ampla traxectoria no ámbito literario e educativo. Ademais de numerosos relatos, publicou obras como O alemán de Camelle, O álbum de Garrincha, Lúa en Ningures, As sentinelas do silencio ou Alma de violino, entre outras.
O acto forma parte das actividades culturais impulsadas polo IESCHA no marco da celebración das Letras Galegas e contará con entrada libre ata completar aforo.