Vilalba acollerá a proxección de 'Antes de nós' dentro do Ciclo Mestre Mateo 2026

TerraChaXa
A sesión terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vilalba e será a terceira proxección deste ciclo
Antes-de-Nós
2 Sep 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza este xoves, 3 de setembro, a proxección da longametraxe Antes de nós, de Ángeles Huerta, no marco do Ciclo Mestre Mateo 2026.

A sesión terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Vilalba e será a terceira proxección deste ciclo, que durante os próximos meses permitirá achegar ao público as películas finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo, incluíndo documentais, longametraxes e curtametraxes.

Antes de nós presenta a historia dunha parella a través de dous momentos diferentes, nun continuo baile de separación e reencontro. A película entrelaza dúas historias situadas en 1918 e 1929.

En 1918, Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Mentres se converte nun heroe para o pobo, é un home ausente para a súa muller, Virxinia. En 1929, o matrimonio percorre Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo, dous seres rotos que xa non comprenden o vínculo que os une.

A viaxe servirá para unilos para sempre, nunha historia que se achega ao Castelao anterior a converterse en Castelao, á Galicia anterior á «xeración Nós» e á relación entre Castelao e Virxinia antes de ser «nós».

0.15164113044739