Vilalba acollerá a proxección do documental 'Deuses de pedra' dentro do ciclo Mestre Mateo

TerraChaXa
A obra de Iván Castiñeiras Gallego poderá verse o venres 2 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal, con entrada gratuíta previa reserva
deuses-de-pedra-mestre-mateo
1 Oct 2026

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o vindeiro venres, 2 de outubro, a proxección de Deuses de pedra, o documental dirixido por Iván Castiñeiras Gallego. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, forma parte do Ciclo Mestre Mateo-2026, unha iniciativa que achega ao público as películas finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo nas categorías de documentais, longametraxes e curtas.

A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba.

A entrada será de balde, aínda que será necesario reservar previamente a localidade a través da páxina entradasvilalba.es.

Deuses de pedra conta a historia de Mariana, unha nena de catro anos que descobre o mundo a través dos ensinos da súa mestra nunha das últimas escolas rurais situadas na fronteira entre Galicia e Portugal. Os contos infantís mestúranse coas lendas e historias que aínda permanecen vivas no lugar.

Ao longo do documental, o paso do tempo acompaña o crecemento de Mariana. Entre relatos e aprendizaxes, a protagonista chega aos dezasete anos, momento no que debe afrontar unha importante decisión: deixar a súa aldea e separarse da súa nai para marchar estudar ao estranxeiro.

A proxección de Vilalba será a sexta sesión do Ciclo Mestre Mateo-2026, que continuará nos próximos meses con novas propostas cinematográficas finalistas dos premios máis importantes do audiovisual galego.

0.19172501564026