Vilalba acollerá a proxección do documental ‘Prisciliano e a Gallaecia’

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá este venres, 9 de outubro, ás 20.00 horas, a proxección do documental Prisciliano e a Gallaecia, unha produción de Arraianos Producións dirixida por Aser Álvarez. A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) coa colaboración do Concello de Vilalba e o apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A película afonda na figura de Prisciliano, un dos personaxes máis destacados da Gallaecia e do Imperio romano de Occidente, cuxa consideración como herexe marcou durante séculos a visión histórica sobre a súa figura. O descubrimento en 1885 dos tratados de Würzburg permitiu acceder directamente ao seu pensamento e revisar parte das interpretacións tradicionais transmitidas polos autores cristiáns.
O documental aborda a vida e o contexto histórico de Prisciliano a partir das investigacións de especialistas e das fontes históricas, así como da visita a diferentes lugares relacionados coa súa vida e coa súa morte. A proposta pretende ofrecer unha visión rigorosa da época e analizar cuestións como os conflitos relixiosos, o papel das mulleres, a influencia dos emperadores e dos bispos, os concilios, o dereito romano e a evolución política e cultural da Antigüidade tardía.
Un dos aspectos centrais da produción é tamén o misterio arredor do lugar no que foron enterrados os restos de Prisciliano. Neste sentido, o documental repasa os diferentes xacementos arqueolóxicos que ao longo do tempo foron sinalados como posibles lugares da súa sepultura.
A produción presta especial atención á relación de Prisciliano coa Gallaecia, un territorio que no século IV atravesaba un importante período de desenvolvemento económico e cultural. Tras a súa execución no ano 385, o priscilianismo estendeuse pola provincia e o regreso do seu corpo contribuíu á súa consideración como mártir.
Con esta proxección, o Iescha busca achegar ao público unha figura histórica de gran relevancia e, ao mesmo tempo, profundar na complexa realidade política, relixiosa e social da Antigüidade tardía, poñendo en valor o papel desempeñado pola Gallaecia nese período.