Vilalba acollerá ata novembro a exposición 'O Herbario de Agustín'

TerraChaXa
A mostra convida a descubrir a relación entre literatura, ciencia e natureza a través das referencias ás plantas presentes nas obras de Agustín Fernández Paz
Exposicion-herbario-agustin-basanta-silva
24 Oct 2026

A Casa da Cultura de Vilalba acolle desde onte e ata o 10 de novembro a exposición O Herbario de Agustín, un proxecto que nace dun coidado proceso de lectura e investigación arredor das obras de Agustín Fernández Paz e que busca poñer en valor a riqueza do patrimonio literario e natural a través das especies vexetais que aparecen nos seus textos.

O herbario é froito do traballo colaborativo do alumnado do Club de Lectura, do equipo da Biblioteca e do Club de Ciencia do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, que se mergullaron nos libros do autor cunha mirada atenta para identificar e documentar cada referencia ás plantas. Unha lectura que foi moito máis alá da interpretación literaria para converterse nunha auténtica exploración botánica, na que cada páxina podía agochar unha nova especie por descubrir.

Durante este proceso, as referencias vexetais foron rexistradas nunha base de datos organizada que recolle o nome de cada planta, a obra na que aparece e a páxina exacta na que se menciona. Ademais, seleccionáronse fragmentos literarios asociados a cada especie, co obxectivo de destacar o seu significado e a súa presenza no universo creativo do autor.

A investigación deu lugar tamén aos Leceres botánicos, unha proposta que implicou a toda a comunidade educativa de centro na busca e identificación das plantas. Paralelamente, elaborouse un caderno botánico no que se clasificaron as especies localizadas e se investigaron os seus nomes científicos, afondando así no seu coñecemento desde unha perspectiva científica e divulgativa.

O Herbario de Agustín representa, deste xeito, un punto de encontro entre a lectura, a investigación científica e a natureza. A exposición amosa o resultado dun traballo colectivo que transforma os libros nun espazo de descubrimento e convida o público a reparar na presenza do mundo vexetal na literatura, así como nos vínculos entre o patrimonio cultural e a biodiversidade que nos rodea.

Esta exposición enmárcase na iniciativa Miradas sobre Agustín, promovida polo IESCHA , que nace coa vontade de divulgar a obra e o legado de Agustín Fernández Paz.

A mostra poderá visitarse na Casa da Cultura de Vilalba ata o 10 de novembro, ofrecendo unha oportunidade para descubrir as plantas que habitan nas páxinas de Agustín e achegarse á súa obra desde unha perspectiva diferente, na que literatura e ciencia dialogan para espertar a curiosidade e o respecto pola natureza.

0.1644389629364